Bóveda presenta a programación da XXII Feira Outrora de Rubián, que se celebrará o 14 de xullo

RibeiraSacraXa
A cita combinará artesanía, música, degustacións, obradoiros e a tradicional recreación da malla ao longo de toda a xornada
presentacion-xxii-feira-outrora-de-rubian
2 Jul 2026

O Concello de Bóveda deu a coñecer este xoves o cartel e a programación da XXII Feira Outrora de Rubián, que terá lugar o vindeiro 14 de xullo e se desenvolverá ao longo de toda a xornada.

O cartel gañador desta edición é obra de Jorge Pastoriza Santa Clara, veciño de Vigo, que recibirá un premio de 500 euros. A proposta recrea un mercado tradicional no que aparecen diferentes artesáns realizando o seu traballo. Ao concurso presentáronse obras procedentes do Concello de Bóveda, de localidades limítrofes, doutras provincias e mesmo de fóra da comunidade autónoma.

A feira comezará ás 10.00 horas coa apertura dos postos e das mostras de artesanía. Ás 10.15 horas está prevista unha exhibición de escultura con motoserra. Ás 11.00 horas abrirán ao público os obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño, momento no que tamén se celebrará un pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas do Concello de Bóveda.

Ás 12.00 horas terá lugar unha degustación de produtos galegos baixo a marca ‘Experiencias de calidade diferenciada’, coa colaboración de AGACAL. Ao mesmo tempo, comezará o concerto da Banda de Música ‘Sons e Soños’.

Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas desenvolveranse demostracións participativas nos postos de artesanía, así como novos obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño. Ás 17.30 horas celebrarase unha festa infantil acuática, seguida dunha merenda para os participantes.

Ás 19.30 horas terá lugar un concerto na Capela a cargo da Coral Municipal de Bóveda. A xornada continuará coa tradicional recreación etnográfica da malla, prevista para as 20.30 horas, e co isco no guizo ás 21.30 horas. Pola súa banda, o peche da feira correrá a cargo de Antonio Barros co espectáculo ‘Verbena inesquecible’.

PRORGAMA COMPLETO DA XXII FEIRA OUTRORA DE RUBIÁN

0.1228358745575