Bóveda homenaxea a Julio Casas polo seu centenario xunto a un cento de familiares e amigos

RibeiraSacraXa
O veciño de Teilán, único home centenario do municipio, recibiu como agasallo un banco de madeira elaborado por Eugenio Linares durante a Feira Outrora
boveda-homenaxe-julio-casas
21 Jul 2026

Julio Casas celebrou este domingo o seu 100 aniversario sen sospeitar que familiares, amizades e o Concello de Bóveda lle tiñan preparada unha festa sorpresa nas naves da feira de Rubián. Preto dun cento de persoas reuníronse para acompañalo nunha xornada moi especial, na que non faltaron os reencontros, os agasallos e momentos de gran emoción.

Entre os presentes atopábanse familiares, amigos e persoas coas que compartiu distintas etapas da súa vida, moitas das cales facía tempo que non vía e que quixeron sumarse á celebración.

Un dos momentos máis destacados da homenaxe foi a entrega dun banco de madeira realizado a motoserra por Eugenio Linares durante a pasada Feira Outrora de Rubián. O artesán e o Concello decidiron regalarlle esta peza despois de que Julio mostrase en varias ocasións o seu interese por adquirir algunha das súas creacións. A última vez fora precisamente durante a feira, cando observou como Linares daba forma a un banco decorado cun raposo nun dos laterais, sen imaxinar que acabaría sendo o seu agasallo de aniversario.

Ademais deste detalle, o centenario recibiu outros presentes por parte da súa familia e das persoas asistentes, nunha celebración que, segundo os seus achegados, resultou especialmente emotiva.

O xantar incluíu, entre outras elaboracións, polbo, un dos pratos favoritos de Julio Casas, que acostuma degustalo en Rubián coincidindo coas feiras mensuais dos días 14 e 29.

Natural de Teilán, onde continúa vivindo coa súa muller, Guillermina, Julio Casas naceu na Casa do Coto e é pai de tres fillos, dúas mulleres e un home, ademais de avó de tres netos.

Ao longo da súa vida estivo emigrado en Francia, onde exerceu como carpinteiro, profesión á que tamén se dedicou posteriormente ata a súa xubilación. Parte da súa traxectoria laboral desenvolveuse na Carpintería do Mariño, en Rubián.

Segundo destaca a súa familia, Julio mantense en moi bo estado de saúde. Continúa ocupándose da horta e dos seus animais domésticos e desprázase cada día co seu propio vehículo ata Bóveda para tomar un café ou realizar diferentes recados.

O banco recibido durante a homenaxe xa ocupa un lugar na súa casa do Souto, cumprindo así o desexo que tiña desde había tempo de contar cunha das obras realizadas por Eugenio Linares.

Na actualidade, o Concello de Bóveda conta con catro persoas centenarias, das que tres son mulleres e Julio Casas é o único home que superou os cen anos.

0.11906790733337