Bóveda convoca o concurso de carteis da Feira Outrora de Rubián, premiado con 500 euros

RibeiraSacraXa
As persoas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 20 de maio
feira-outrora-rubian-2025
27 Apr 2026

O Concello de Bóveda abriu o prazo para participar no XII Concurso de Carteis da XXII Feira Outrora de Rubián, unha iniciativa coa que se busca escoller a imaxe oficial deste evento para a edición de 2026. As persoas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 20 de maio.

O certame está aberto á participación xeral, aínda que non poderán concorrer as persoas gañadoras das dúas últimas edicións. As obras deberán ser inéditas, orixinais e de creación propia. No caso dos menores de 16 anos, será necesaria a autorización do pai, nai ou titor legal.

As propostas deberán recrear un mercado tradicional galego situado entre finais do século XIX e mediados do século XX, temática central da feira. Os traballos presentaranse en formato A2 e poderán enviarse tanto por correo electrónico como por vía postal ao Concello.

O cartel gañador recibirá un premio de 500 euros e converterase na imaxe representativa da XXII Feira Outrora de Rubián. Para a súa elección, o xurado terá en conta aspectos como a adecuación á temática, a creatividade, o deseño gráfico, o impacto visual, así como a calidade técnica e artística e o uso de elementos como a cor ou a tipografía.

Con esta convocatoria, o Concello busca implicar á cidadanía na promoción dunha feira que pon en valor as tradicións e a cultura popular galega.

0.098304986953735