Bóveda celebra o seu tradicional magosto popular con cea e bingo o 21 de novembro

A Sociedade Deportiva Rubián, en Bóveda, celebrará un ano máis o seu clásico magosto popular, unha cita que mantén dende 1969 e que este 2026 terá lugar o sábado 21 de novembro, ás 21.30 horas, nas naves da feira.
A velada contará cunha cea para todos os asistentes composta por paella, carne asada con patacas e pementos, ensalada, sobremesa, café e diversas bebidas. Os prezos establecidos son de 28 euros para os adultos, mentres que os nenos de entre 6 e 12 anos aboarán 18 euros; os menores de 6 anos poderán asistir de forma gratuíta.
Quen adquira a súa entrada recibirá ademais, de regalo, un cartón de bingo que se repartirá durante a propia cea. Precisamente, unha vez rematada a comida, celebrarase un gran bingo aberto a todos os que desexen participar, co que se poñerá o remate final á xornada.
A organización fixou como data límite para retirar as entradas o 19 de novembro. Para conseguilas, os interesados poden dirixirse a calquera membro da directiva da S.D. Rubián, así como acudir ao restaurante Paco de Rubián, á tenda da Pili ou á farmacia da localidade.