Bóveda abre o prazo de inscrición para os servizos de conciliación e as actividades infantís do curso 2026/2027

O Concello de Bóveda abriu o prazo de inscrición para o programa Bóveda Concilia, que volverá ofrecer durante o curso 2026/2027 distintos servizos destinados a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, así como actividades de lecer e formación para a infancia.
As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 20 de agosto no Rexistro do Concello de Bóveda. O programa inclúe a Aula Madrugador@s, a Ocioteca e as actividades infantís de inglés, dirixidas a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.
A Aula Madrugador@s comezará o 9 de setembro e funcionará de luns a venres, en modalidade semanal ou puntual, entre as 8.00 e as 10.00 horas. Ese mesmo día tamén iniciará a súa actividade a Ocioteca, que abrirá de luns a venres de 16.30 a 18.30 horas, tamén con opción de asistencia semanal ou puntual.
Pola súa banda, as clases de inglés arrancarán o 14 de setembro. Os luns impartiranse sesións para alumnado de Educación Infantil ata 5º de Primaria entre as 16.30 e as 19.30 horas, mentres que o alumnado de 6º de Primaria e ESO asistirá de 19.30 a 20.30 horas. O Concello lembra que os horarios da Ocioteca e das actividades de inglés sufrirán modificacións durante os meses de setembro e xuño.
As persoas interesadas poden solicitar máis información no teléfono 982 426 006, extensión 5.
O programa desenvólvese no marco do Plan Corresponsables, coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e do Ministerio de Igualdade do Goberno de España.