Bota a andar o obradoiro dual de emprego Ricra IX, que formará a 20 persoas desempregadas en Pantón, Sober e O Saviñao

A Xunta de Galicia destina 468.000 euros ao financiamento do obradoiro dual de emprego Ricra IX, promovido polo Concello de Pantón en colaboración cos concellos de Sober e O Saviñao. O programa, que botou a andar este venres, permitirá que unha vintena de persoas desempregadas reciban formación e experiencia laboral durante os próximos nove meses.
A directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, participou no acto de inicio deste taller, que combina formación teórica e práctica coa realización de traballos de utilidade pública nos tres municipios participantes.
O obradoiro contará con dúas especialidades vinculadas ao sector forestal. Un total de 13 alumnos e alumnas formaranse en Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, mentres que outras sete persoas participarán na especialidade de Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas.
Ao longo do programa, os participantes desenvolverán actuacións relacionadas coa conservación de espazos naturais, o mantemento de áreas verdes e a mellora de rutas de sendeirismo e contornas de interese paisaxístico.
No municipio de Pantón, os traballos centraranse na conservación de varios itinerarios de sendeirismo, entre eles os de Atán-A Cova, Cibirisqueiros-San Cosmede, Pozas de San Arteiro, Cruz-Pena de Pombeira e Curuxeira. Ademais, realizaranse tarefas de poda, mantemento e reposición de especies arbóreas no campo da feira de Ferreira, así como actuacións en diferentes zonas verdes do concello.
En O Saviñao, as intervencións incluirán o mantemento da Ruta da Ribeira Sacra do Miño ao seu paso polo municipio, a conservación de espazos verdes en Escairón e Aias e actuacións forestais nas devesas de Currelos e Escairón. Neste último punto tamén se prevé a mellora da contorna do antigo campo de fútbol.
Pola súa banda, en Sober levaranse a cabo traballos de conservación en varias rutas de sendeirismo, entre elas a dos Muíños dos Chancís, ademais de actuacións de mellora forestal na contorna da rede de miradoiros do municipio.
O programa incorpora tamén unha liña de incentivos destinada a favorecer a contratación do alumnado por parte de empresas da contorna unha vez rematado o período formativo, co obxectivo de facilitar a súa inserción laboral.