Besteiro reclama a Rueda medidas de control dos prezos do leite e a posta en marcha do observatorio sectorial

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
O líder do PSdeG pediu esta mañá desde Taboada facer cumprir a Lei de cadea alimentaria ante a caída de prezos e a situación do sector lácteo en Galicia
besteiro-taboada
10 Jun 2026

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou ao Goberno galego de Alfonso Rueda a adopción de medidas de control para frear a caída do prezo do leite e urxiu a posta en marcha do observatorio sectorial.

Durante unha visita á cooperativa Aira, en Taboada, na que estivo acompañado por responsables socialistas como o alcalde Roi Rigueira, a portavoz de Medio Rural no Parlamento galego e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, e a deputada provincial Pilar García Porto, Besteiro trasladou a súa preocupación pola evolución dos prezos no sector.

O dirixente socialista advertiu dunha caída de arredor de oito céntimos no prezo por litro en Galicia e cuestionou as diferenzas entre territorios. “Ten que poñer en marcha xa o observatorio do leite e facer cumprir a lei de cadea alimentaria”, reclamou.

Besteiro sinalou tamén que “non pode ser que de cada dez litros que se producen en España catro se produzan en Galicia e que esta comunidade sexa onde peor se paga o leite”, ao tempo que advertiu de que a situación pode agravarse coa renovación dos contratos prevista para agosto.

O líder do PSdeG afirmou que o seu grupo parlamentario achegará “propostas realistas” na comisión de estudo sobre os prezos do leite que se inicia no Parlamento galego, co obxectivo de abordar a caída de prezos.

Así mesmo, defendeu a necesidade de contar con mecanismos que garantan o cumprimento da lei e eviten pagamentos por debaixo dos custos de produción, e advertiu da perda de explotacións gandeiras nos últimos anos, ao pasar, segundo indicou, de 30.000 a menos de 5.000 en dúas décadas.

0.14235091209412