Avanzan as obras de restauración das marxes do río Edo ao seu paso por Castro Caldelas

RibeiraSacraXa
A actuación, cun investimento de 1,53 millóns de euros, inclúe a recuperación ambiental da contorna, a mellora da área recreativa e a construción dunha nova zona de baño
chms-traballos-rio-edo-castro-caldelas
10 Jul 2026

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, e a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, visitaron o estado das obras de restauración e mellora das marxes do río Edo ao seu paso polo municipio ourensán, onde comprobaron o avance dos traballos.

A intervención céntrase na restauración ambiental da marxe dereita do río mediante técnicas de bioenxeñaría e no acondicionamento da área recreativa para mellorar este espazo e favorecer o seu uso pola cidadanía.

O proxecto contempla tamén a demolición da actual zona de baño e a construción dunha nova nun emprazamento diferente, situado fóra da zona inundable.

Segundo explicou José Antonio Quiroga, “trátase dunhas actuacións que contemplan a naturalización do río Edo e da marxe dereita do regato Ferreiros e, tamén, a execución dun novo acceso ao leito do río”.

O presidente da CHMS destacou ademais que “é importante destacar que a solución proposta cumpre cos requisitos esixidos por Patrimonio Natural da Xunta de Galicia e coa normativa vixente en materia de augas, e enmárcase na política de colaboración institucional e de cooperación entre administracións”.

O conxunto das actuacións conta cun investimento de 1.530.000 euros e a previsión é que as obras estean rematadas durante o mes de decembro de 2026.

0.12219500541687