As xornadas enogastroturísticas Marida Maio volven á Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
A cita, organizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo co apoio da Deputación e o Concello, desenvólvese os xoves no Centro do Viño da Ribeira Sacra
presentacion-xornadas-enogastroturisticas-ribeira-sacra-2026
15 May 2026

A Ribeira Sacra volve converterse este mes de maio nun escaparate do seu potencial enogastronómico coa celebración dunha nova edición de Marida Maio, unhas xornadas impulsadas pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) coa colaboración da Deputación de Lugo e do Concello de Monforte.

A terceira edición da iniciativa arrancou este xoves no Centro do Viño da Ribeira Sacra coa presenza do deputado de Asistencia e Cooperación cos Concellos, Xosé María Arias, quen destacou o papel destas actividades na promoción dun turismo ligado á identidade do territorio.

As sesións desenvolveranse todos os xoves do mes, entre as 19:30 e as 21:00 horas, reunindo adegas, restaurantes, proxectos turísticos e propostas artesanais nun formato centrado na promoción do produto local e das experiencias vinculadas á comarca.

Durante a inauguración, Arias subliñou que “quen veña estes días ao Centro do Viño non vai atopar só unha degustación, senón tamén unha forma de entender esta comarca”. O deputado referiuse ademais ao momento que vive a Ribeira Sacra, “que está cada vez máis preto dese recoñecemento como Patrimonio da Humanidade, unha aspiración colectiva que fala do enorme valor desta paisaxe construída ao longo dos séculos pola man das persoas”.

Tamén puxo en valor a aposta da Deputación por un modelo turístico sostible e vencellado ao territorio. “Desde a Deputación de Lugo levamos anos apostando por un turismo de experiencias, sostible e vencellado á identidade do territorio. Un turismo que non busca grandes artificios, senón ofrecer algo auténtico e iniciativas coma Marida Maio encaixan perfectamente nesa maneira de entender o turismo e tamén o desenvolvemento do territorio”, afirmou.

Marida Maio arrancou este xoves coa participación da tenda Cova de Xacio, o restaurante monfortino Manuel Bistró, a Adega Ohmio, restaurante Río cabe-Hotel Cardenal. A programación completouse con propostas vinculadas á tradición e ao patrimonio da Ribeira Sacra, coa participación dun oleiro de Gundivós e da Casa-Museo Genia Trigo.

As próximas sesións celebraranse os días 21 e 28 de maio. Na primeira delas participarán o establecemento monfortino Tributo Capitol, as adegas Adegas Cruceiro e Alouviño, a artesá Pilar Rodríguez, de En Lá, así como representantes do Museo Lodeiro e do Catamarán Río Sil.
O xoves 28 rematará a iniciativa coa participación do proxecto de turismo de caravanas Barvantia, a empresa de visitas guiadas Coureleando, o Hermida Rural e as adegas Os Cipreses e Instinto Romano. A asistencia ás xornadas é gratuíta, aínda que é preciso realizar reserva previa no teléfono 982 412 050, xa que o aforo está limitado a 30 persoas.

0.1345808506012