As salas salas de ximnasia da Piscina Municipal Climatizada de Chantada xa contan con aire acondicionado

O Concello de Chantada vén de instalar un sistema de aire acondicionado nas dúas salas de ximnasio da Piscina Municipal Climatizada, concretamente na sala de máquinas e na de fitness.
A intervención, promovida pola concellaría de Deportes, contou cun investimento de 6.000 euros procedentes de fondos propios municipais, e enmárcase nas actuacións destinadas a mellorar o confort das instalacións deportivas.
Segundo explican desde o goberno local, a medida responde ás peticións das persoas usuarias, que viñan advertindo das dificultades para adestrar en períodos de calor intensa, especialmente tendo en conta que estas salas non dispoñen de ventilación natural.
O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, destacou a satisfacción dos usuarios tras a mellora e subliñou que “As persoas usuarias tiñan trasladado as dificultades para a práctica deportiva en situacións de altas temperaturas e coa posta en marcha do aire acondicionado aseguran que agora se está de marabilla”.
A Piscina Municipal Climatizada entrou en funcionamento no ano 2004 e dispón dunha superficie de 2.183 metros cadrados, á que posteriormente se engadiron as piscinas exteriores, conformando un complexo deportivo de referencia para a veciñanza, especialmente no verán.