As reservas da biosfera reciben achegas a través da Deputación e varios concellos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta destina 1.368.100 euros para o bienio 2022-2023 a actuacións ambientais nas catro reservas da biosfera da provincia
reservas biosfera exposicion
reservas biosfera exposicion
20 dic 2022

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destina 1.368.100 euros para o bienio 2022-2023 a actuacións ambientais nas catro reservas da biosfera declaradas na provincia de Lugo. En concreto, o 64% do investimento executarase no vindeiro exercicio.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que se trata de achegas orientadas a promover a conservación e a xestión da biodiversidade e dos recursos naturais, o fomento do desenvolvemento sustentable e a mellora do patrimonio cultural nos territorios comprendidos nas reservas da biosfera, e os destinatarios poden ser tanto os órganos xestores en cada caso como os concellos e entidades que actúan directamente sobre o territorio.

Así, a Deputación de Lugo recibe máis de 1 millón de euros, deles 609.370 euros como órgano xestor da reserva da biosfera Terras do Miño, e 427.000 para a xestión da dos Ancares lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

No que respecta aos concellos, A Pontenova recibe 79.000 euros para o anteproxecto de recuperación e posta en valor da biodiversidade no complexo histórico-recreativo das minas de Consuelo e Boulloso.

Os outros beneficiados son os concellos de Becerreá, con achegas por 69.750 euros; Ribadeo, con case 64.000 euros; Folgoso do Courel, con 60.500 euros, e Alfoz, con 58.500 euros.

As axudas poden destinarse a accións de conservación de hábitats e especies, restauración de ecosistemas degradados, creación e mellora de pequenas infraestruturas, adecuación de tendidos eléctricos para evitar impactos paisaxísticos e sobre a biodiversidade, ou mellora da conectividade, entre outras.

Tamén á formación e capacitación dos habitantes e do persoal da reserva da biosfera en materia de conservación da biodiversidade, apoio ao asociacionismo local en relación a este obxectivo, e elaboración de plans estratéxicos, estudos das deficiencias nas reservas da biosfera ou revisión e zonificación.

Por último, tamén se contempla o impulso á sustentabilidade do turismo, mellora do patrimonio cultural e da paisaxe, con actuacións sobre as infraestruturas públicas existentes para o uso turístico e sobre a sinalización de elementos de interese ambiental.