As primeiras xornadas “Coidar a quen coida” de Quiroga resultaron todo un éxito

RibeiraSacraXa
A actividade reuniu a máis de corenta participantes, entre profesionais da atención a persoas en situación de vulnerabilidade e persoas con responsabilidades familiares de coidado
xornadas-coidar-quen-coida-quiroga
20 Apr 2026

O Concello de Quiroga acolleu este sábado as primeiras xornadas “Coidar a quen coida”, unha iniciativa gratuíta impulsada polas concellerías de Igualdade e Servizos Sociais co obxectivo de ofrecer formación, apoio e recoñecemento ás persoas coidadoras.

A actividade reuniu a máis de corenta participantes, entre profesionais da atención a persoas en situación de vulnerabilidade e persoas con responsabilidades familiares de coidado. A xornada comezou cun acto de benvida a cargo dos concelleiros Xosé Manuel Fernández e Maite Pérez Grao, ao que seguiu unha mesa redonda centrada no esgotamento das persoas coidadoras.

Baixo o título “O esgotamento do coidador (Síndrome de Burnout)”, o debate contou coa participación de profesionais dos ámbitos social, sanitario e psicolóxico, así como dunha coidadora profesional. Durante a sesión puxéronse sobre a mesa as dificultades para descansar, especialmente a nivel mental, a detección do síndrome de burnout e a importancia de desconectar para evitar situacións de esgotamento.

Tras unha pausa para o café, as asistentes participaron en dous obradoiros orientados ao benestar emocional cun “Círculo de benestar” e unha “Viaxe interior”, organizados en grupos. A programación completouse cunha visita guiada ao Museo Etnográfico de Quiroga, na que as participantes puideron rememorar oficios e costumes tradicionais.

A vertente máis lúdica chegou coa actuación de improvisación teatral “Coidado coa risa”, que encheu de humor o salón de actos da Casa da Cultura, antes dunha cata de viños ofrecida por unha adega local, na que se degustaron diferentes elaboracións.

A xornada pechouse cunha degustación de produtos da zona e coa clausura por parte do equipo de goberno local.

Dende a Concellería de Igualdade destacaron que “valorase moi positivamente a boa acollida desta primeira xornada de Coidar a quen coida. Creemos que foi un recoñecemento moi necesario a todas aquelas persoas coidadoras, xa sexan dentro do ámbito profesional ou do familiar”, ao tempo que subliñaron que o encontro combinou lecer, intercambio de experiencias e aprendizaxe sobre o burnout.

Pola súa banda, o concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández, sinalou que “deseñamos esta actividade conxuntamente coa Concellería de Igualdade para visibilizar o imprescindible traballo das coidadoras, tanto profesionais como domésticas, para concellos envellecidos como o noso”, engadindo que “cremos que se cumpriu o obxectivo desta primeira edición”. Ademais, avanzou a intención de dar continuidade á iniciativa tras a boa resposta obtida.

0.13297510147095