Xa están dispoñibles as novas guías turísticas do Concello de Taboada

O Concello de Taboada, en colaboración co Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, presentou o pasado sábado un novo conxunto de ferramentas destinadas a reforzar a súa promoción turística. O acto, que contou cunha gran afluencia de público, serviu para dar a coñecer unhas novas guías turísticas do municipio, xunto cun mapa que incorpora a xeolocalización dos principais puntos de interese e unha renovada páxina web de turismo municipal.
Trátase dun proxecto no que o consistorio levaba tempo traballando e que ve agora a luz co obxectivo de mellorar a información dispoñible para visitantes e poñer en valor os recursos do territorio. Agora, durante as próximas semanas, as novas guías turísticas serán repartidas polas empresas taboadesas vencelladas ao sector turístico, así como aos establecementos de hostalaría e outros negocios existentes.
O acto contou coa participación de diversas autoridades e responsables do proxecto, como Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober e presidente do consorcio, a xerente do mesmo, Alexandra Seara, e Jaume Alós, de Trasgos de Caldelas, encargado do deseño, edición e maquetación tanto da guía como do mapa e da web. Tamén estará presente a concelleira de Turismo de Taboada, María José Poyán, o alcalde, Roi Rigueira, e o presidente da Asociación Culturas As Fachas, Manuel Fidalgo.
Con esta nova oferta informativa, o Concello busca facilitar o acceso aos recursos turísticos locais e mellorar a experiencia de quen visita o municipio.