As “Noites de Lenda” e unha xornada de piragüismo protagonizan a fin de semana do programa “Descubrir Quiroga”

RibeiraSacraXa
A iniciativa de dinamización turística, organizada polo Concello de Quiroga coa colaboración da Deputación de Lugo, pechará a programación de xullo o día 26 cun roteiro interpretativo pola Toca
noites-de-lenda-descubrir-quiroga
21 Jul 2026

O programa de dinamización turística “Descubrir Quiroga”, promovido pola Concellería de Turismo do Concello de Quiroga en colaboración coa Deputación de Lugo, continuou esta fin de semana coa celebración de dúas novas actividades dirixidas a achegar aos participantes o patrimonio histórico, cultural e natural do municipio.

A primeira das citas desenvolveuse na noite do sábado coa actividade “Noites de Lenda”, unha das novidades incorporadas á programación deste ano. O concelleiro de Turismo, Vicente Parra, foi o encargado de presentar a proposta, dar a benvida aos asistentes, agradecer a súa participación e animalos a seguir tomando parte nas próximas actividades incluídas no programa.

A actividade, na que participaron trinta persoas inscritas, comezou ás 22.00 horas na Casa da Cultura e percorreu diferentes espazos emblemáticos da contorna, entre eles a Igrexa da Ermida e o Castelo dos Novaes.

Durante o paseo nocturno, as lendas da zona cobraron vida da man da actriz Ariadna Santana, que guiou aos participantes por diferentes relatos vinculados ao patrimonio local. Ao longo do percorrido déronse a coñecer historias como a da princesa do Castelo dos Novaes, a das lavandeiras do Sil e tamén a tradición e a historia da Virxe dos Remedios da Ermida, o Meco e as Pampórnigas.

Xa na mañá do domingo, o programa continuou cunha actividade de iniciación ao piragüismo no entorno de Augas Mestas. A presentación correu a cargo do concelleiro de Deportes, Antonio Marcos Prieto, quen desculpou a ausencia do concelleiro de Turismo, Vicente Parra, que non puido asistir ao inicio da xornada por motivos laborais.

Antonio Marcos Prieto deu a benvida aos participantes e agradeceu a súa asistencia a unhas actividades que, segundo indicou, teñen como obxectivo dar a coñecer o concello. Durante a súa intervención sinalou tamén que o complexo turístico de Augas Mestas, onde se desenvolveu a actividade, volverá poñerse en funcionamento en breve.

Tanto o concelleiro de Deportes como o de Turismo lembraron que todas as actividades do programa “Descubrir Quiroga” se desenvolven grazas ao financiamento da Deputación Provincial.

A sesión de piragüismo incluíu unha explicación básica sobre o manexo das embarcacións, o equipamento necesario e as medidas de seguridade, impartida pola empresa León Aventura. Posteriormente, os vinte participantes realizaron unha travesía por augas tranquilas acompañados por monitores especializados.

Unha vez recibidas as indicacións previas, os asistentes puideron percorrer o espazo natural onde conflúen os ríos Sil e Lor, punto no que comezan os Canóns do Sil.

A programación de xullo do programa “Descubrir Quiroga” concluirá o vindeiro 26 de xullo coa presentación do roteiro da Toca, un novo itinerario interpretativo que permitirá descubrir a historia da siderurxia do ferro nesta zona. O percorrido conta con dez paradas en diferentes puntos de interese histórico, entre eles a Casa da Toca, o Castro de Barreiro e a Ferrería da Rodela.

As persoas interesadas en participar en calquera das actividades gratuítas do programa poden formalizar a súa inscrición a través da Oficina de Turismo de Quiroga, no teléfono 982 43 51 25 ou no correo electrónico turismo.quiroga@eidolocal.es.

0.1236629486084