As Merendas con Contos regresan a Sober para celebrar o mes das bibliotecas

RibeiraSacraXa
Haberá catro sesións que combinarán lecturas, actividades creativas e propostas especiais arredor do Samaín
biblioteca-sober
9 Oct 2026

A biblioteca municipal de Sober celebra o Mes da Biblioteca cunha nova programación das ‘Merendas con Contos’, que ocuparán as tardes dos venres de outubro con lecturas infantís e obradoiros para os máis pequenos. As actividades desenvolveranse entre as 16.30 e as 19.00 horas e incluirán propostas vinculadas á celebración do Samaín.

A primeira sesión terá lugar este venres, día 9, coa lectura de ‘Misión biblioteca’, de Elena Haba e Robert García. A continuación, os participantes poderán elaborar un marcapáxinas e participar no xogo proposto no obradoiro ‘Marca a páxina e xoga!’.

O venres 16 será a quenda de ‘Guapa’, de Canizales, seguida dun obradoiro de creación dun comecocos sobre as emocións, impartido por Sabela Coutado, de Os Fedellos.

A programación continuará o día 23 coa lectura de ‘O noso Samaín’, de Loretta Birott Bermejo. Nesta ocasión, o obradoiro estará dedicado á elaboración dunha lámpada para Samaín e tamén contará coa participación de Sabela Coutado, de Os Fedellos.

A última sesión do mes celebrarase o venres 30 coa lectura de ‘Biscoito de castañas’, de Lucía Mojón e Lucía Barrios. Como peche, haberá unha festa de Samaín e un magosto.

O calendario enmárcase na celebración do Mes da Biblioteca, que ten como data destacada o Día da Biblioteca, o 24 de outubro, e busca achegar os libros e a lectura aos nenos e nenas a través de actividades lúdicas e creativas.

0.14480996131897