As instalacións deportivas do CPI San Tomé do Carballo serán de uso público durante o verán

As pistas deportivas do edificio de secundaria do CPI San Tomé do Carballo estarán abertas ao uso público durante os meses de xullo e agosto grazas ao acordo acadado entre o centro educativo e o Concello de Taboada.
Esta iniciativa repítese por segundo ano consecutivo e permitirá que a veciñanza poida facer uso das instalacións de baloncesto, voleibol e fútbol sala, ampliando así a oferta de espazos deportivos dispoñibles durante o verán.
O concelleiro de Educación, Alexandre Varela, destacou a colaboración do centro educativo para facer posible esta medida e agradeceu a implicación da dirección e do persoal.
“A boa disposición da Dirección e os conserxes do colexio un ano máis, cun pequeno xesto, permiten que as instalacións deportivas de Taboada teñan moito máis proveito”, sinalou o edil.
Coa apertura destes espazos, o Concello busca favorecer o uso das instalacións públicas e fomentar a práctica deportiva entre a veciñanza durante a época estival.