As igrexas do Xeoparque Montañas do Courel protagonizaron unha nova xornada das Rutas do Románico da Deputación

RibeiraSacraXa
O programa provincial contempla un total de 16 rutas e 325 prazas para descubrir distintos enclaves patrimoniais da provincia lucense ao longo das fins de semana do mes de maio
rota-do-romanico-quiroga
18 May 2026

A igrexa de San Salvador de Hospital foi unha das protagonistas dunha nova xornada do programa das Rutas do Románico da Deputación Provincial de Lugo, unha iniciativa gratuíta destinada a divulgar o patrimonio histórico e artístico da provincia.

A actividade, desenvolvida durante esta fin de semana, incluíu unha ruta polo Xeoparque Montañas do Courel na que participaron arredor dunha vintena de persoas. O percorrido estivo guiado por un profesional oficial de turismo, función que nesta ocasión desempeñou o concelleiro de Turismo de Quiroga, Vicente Parra.

O programa provincial contempla un total de 16 rutas e 325 prazas para descubrir distintos enclaves patrimoniais da provincia lucense ao longo das fins de semana do mes de maio.

Durante a visita, os asistentes puideron coñecer a igrexa de San Salvador de Hospital, un templo con orixes nos séculos XII e XIII que conserva a súa ábsida primitiva e combina elementos de distintos estilos arquitectónicos.
A ruta permitiu tamén achegarse a outros espazos destacados da zona, como a Abadía de San Clodio, datada en 1151, e a igrexa de Santa María de Torbeo, construída entre os séculos XII e XIII e integrada na ruta Transrománica europea.

O itinerario destacou ademais pola presenza de diferentes manifestacións arquitectónicas no territorio, desde construcións relixiosas ata exemplos de arquitectura civil e militar, nun percorrido centrado na riqueza patrimonial do Courel.

0.11435198783875