As fortes choivas deixan acumulacións de auga en varias rúas de Monforte

As fortes treboadas caídas durante a tarde de onte no sur da provincia de Lugo, con especial incidencia en Monforte de Lemos, deixaron varias rúas anegadas na cidade do Cabe, que foi a máis afectada nunha xornada marcada polas intensas choivas e o granizo.
A zona da rúa Armando Cotarelo e a contorna de A Compañía volveu sufrir serios problemas de acumulación de auga tras as últimas precipitacións, unha situación que dificultou a circulación e o tránsito habitual nestas vías. A auga chegou a alcanzar niveis que fixeron practicamente imposible o paso normal de peóns e vehículos en varios puntos.
Aínda que non se rexistraron danos persoais, si se produciron anegamentos en baixos e garaxes, o que xerou molestias e preocupación entre os veciños da zona. A repetición destes episodios incrementou a inquietude veciñal, que sinala que os puntos conflitivos están identificados desde hai tempo e apunta a posibles deficiencias na rede de saneamento.