As festas de Monforte ponen fin tras cinco xornadas de celebracións e unha afluencia multitudinaria

Monforte de Lemos puxo fin ás súas Festas Patronais cunha valoración moi positiva por parte do alcalde, José Tomé, que destaca a elevada participación nas distintas actividades e o ambiente vivido na cidade durante os días de celebración. O rexedor cualifica as festas de “espectaculares” e salienta a resposta dos monfortinos e monfortinas e das persoas que se desprazaron ata a cidade.
“Podemos dicir que estas foron unhas Festas Patronais espectaculares; foi unha enorme satisfacción ver a resposta dos monfortinos e monfortinas e tamén de todas as persoas que nos visitaron durante estes días”, afirma José Tomé.
A última xornada tivo como principal protagonista a Orquesta Panorama, que puxo o broche de ouro á programación cunha actuación na Praza da Compañía que congregou a milleiros de persoas. O escenario da formación ocupaba practicamente toda a fachada dos Escolapios e converteuse no epicentro dunha noite multitudinaria.
“A Praza da Compañía estaba ateigada de xente, non cabía un alfiler. O público ocupaba toda a explanada, as zonas de céspede e mesmo parte da rúa, nunha imaxe espectacular que demostra a enorme acollida que tivo a Panorama”, sinala o alcalde.
José Tomé tamén destaca a resposta do público aos fogos artificiais, tanto na sesión desde San Vicente como no espectáculo desde o río Cabe, que foron seguidos por milleiros de persoas.
“Os fogos volveron ser un auténtico espectáculo, a xente buscou diferentes puntos para velos, enchendo as rúas e prazas, para despois continuar desfrutando da festa tanto no recinto das barracas como nos concertos da Explanada. A imaxe da marea de xente dirixíndose cara á Compañía ao remate dos fogos do río na noite do domingo foi impresionante e resume perfectamente o ambiente que se viviu durante estas festas”, engade.
A valoración do rexedor abrangue tamén o conxunto da programación, xa que, segundo sinala, as diferentes propostas contaron cunha importante resposta do público. Entre elas inclúense os espectáculos de rúa, as actividades culturais e musicais, os concertos, as actuacións e as iniciativas dirixidas a públicos diversos.
“Creo que podemos falar dun auténtico éxito. Foron unhas Festas Patronais cunha participación moi alta en todas as actividades, cunha cidade chea de vida e cun ambiente extraordinario. Por todo isto, quero agradecer aos monfortinos e monfortinas e a todas as persoas que nos visitaron a súa participación e o seu comportamento, xa que todo transcorreu con normalidade, sen que se rexistraran incidencias”, afirma José Tomé.
O alcalde estende este agradecemento ás persoas que participaron no desenvolvemento das festas, desde os traballadores dos diferentes servizos públicos ata o persoal técnico encargado de facer posible a programación.
O rexedor considera ademais que a celebración das Festas Patronais tivo efectos positivos na actividade económica local. “Foi moi positivo tamén para a hostalería e o comercio da cidade; en definitiva, foi positivo para a economía de Monforte”, apunta.
José Tomé fai tamén unha valoración positiva da acollida da nova fonte do Parque dos Condes, inaugurada o pasado 31 de xullo, que durante as festas se converteu nun dos puntos de encontro e nun dos elementos máis destacados deste espazo.
“Desde a inauguración o pasado 31 de xullo, a nova fonte está a ter unha acollida espectacular creando un ambiente moi especial no Parque dos Condes, que foi un dos espazos máis concorridos e fotografados durante estas festas”, indica o alcalde.
O rexedor tamén agradece o uso que os mozos e mozas fixeron da fonte durante estas xornadas e destaca o carácter responsable da súa utilización.
“Quero agradecerlle aos xóvenes que desfrutaran da Fonte de xeito responsable, reunidos en grupos arredor de cada banco, facendo fotos dende o borde da propia fonte e facendo unha gran difusión positiva deste novo elemento de atracción para Monforte”, conclúe José Tomé.