As Escolas Deportivas Municipais de Chantada pechan a tempada cun récord de 654 persoas inscritas

RibeiraSacraXa
O acto de clausura reuniu centos de asistentes nun festival de exhibicións deportivas e o Concello anuncia novas incorporacións para a próxima edición
Festival-de-exhibicións-Escolas-Deportivas-Chantada-26
20 Jun 2026

O Pavillón Deportivo de Chantada converteuse no escenario da clausura dunha nova edición das Escolas Deportivas Municipais, unha iniciativa que este ano acadou cifras históricas de participación ao rexistrar un total de 654 persoas inscritas.

Desde mediados de setembro de 2025 desenvolvéronse as distintas actividades organizadas polo Concello de Chantada, cun programa deportivo dirixido a persoas de todas as idades, desde alumnado de preescolar ata maiores de 60 anos. A elevada participación permitiu superar os rexistros alcanzados en edicións anteriores, consolidando así o crecemento desta oferta deportiva municipal.

Como peche da tempada celebrouse unha exhibición dalgunhas das disciplinas incluídas no programa, entre elas baile, ximnasia rítmica e patinaxe artística, nas que participaron tanto adultos como rapazada. O evento congregou centos de persoas entre familiares, amizades e público asistente que quixeron acompañar ás persoas participantes nesta xornada de clausura.

Ao acto tamén asistiu unha representación do equipo de goberno municipal encabezada polo alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, que acompañou ás persoas participantes nesta última cita da tempada.

Desde o Concello quixeron agradecer a ampla resposta da cidadanía a estas actividades e avanzaron que para a próxima edición manteranse tanto os monitores como as instalacións actuais para continuar reforzando esta oferta deportiva. Ademais, anunciaron a incorporación dunha nova actividade de baile profesional dirixida á infancia, despois da posta en marcha nesta tempada da modalidade destinada á poboación adulta.

O rexedor destacou as sensacións positivas coas que remata esta edición e sinalou que o bo ambiente vivido durante o acto de clausura confirma o éxito da iniciativa. Segundo explicou, desde a área de Deportes xa se está a traballar na organización da próxima tempada, adaptando horarios e preparando un novo calendario de actividades deportivas para Chantada.

0.12267398834229