As Escolas Deportivas de Quiroga comezan o curso con 80 nenos e nenas anotados

As Escolas Deportivas de Quiroga iniciaron esta semana unha nova tempada, coincidindo cos 25 anos de actividade deste programa municipal. A principal novidade deste curso é a creación da categoría ‘Chupete’, destinada a nenos e nenas de 4 e 5 anos.
Ao redor de 80 menores participan nas modalidades de fútbol sala e voleibol, dentro dunha programación dirixida a rapaces e rapazas de entre 4 e 16 anos.
No fútbol sala, os primeiros en iniciar os adestramentos foron os equipos prebenxamín e benxamín. O grupo prebenxamín, formado por nenos e nenas nados en 2019 e 2020, e o benxamín, con participantes de 2017 e 2018, adestran os luns e mércores ás 16.30 horas.
Os alevíns, nados en 2015 e 2016, tamén teñen sesións os luns e mércores, neste caso a partir das 17.30 horas. Pola súa banda, a categoría infantil, formada por participantes de 2013 e 2014, adestra os martes e xoves desde as 17.30 horas.
A nova categoría ‘Chupete’ reúne os nenos e nenas nados en 2021 e 2022. As sesións serán os mércores ás 15.30 horas e, inicialmente, desenvolveranse unha vez por semana. O número de inscritos determinará se posteriormente se amplían as xornadas de adestramento.
No caso do voleibol, as categorías benxamín e alevín agrupan participantes nados entre 2015 e 2020. Os adestramentos teñen lugar os martes e xoves ás 16.30 horas.
As Escolas Deportivas permiten ademais incorporarse ao programa durante un período de proba de dúas semanas sen necesidade de realizar inicialmente o pagamento. As familias interesadas poden solicitar as follas de inscrición na Casa da Cultura de Quiroga.