As actividades do Programa Activa de Monforte volverán no mes de outubro

RibeiraSacraXa
O Goberno local de Monforte clausurou Programa Activa 2023/2024, que nesta edición tivo unha duración moi superior á de edicións anteriores
Programa-Activa-2024-Monforte
Programa-Activa-2024-Monforte
4 Xul 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, os concelleiros de Servizos, José Luis Losada, e de Consumo, Regina López, e pola coordinadora de Servizos Sociais do Concello, Luz Méndez Castro, clausuraron o Programa Activa 2023/2024, que nesta edición tivo unha duración moi superior á de edicións anteriores e cunha participación de 525 usuarios repartidos tanto no Centro Cívico da cidade como nas parroquias.

“Para min é unha enorme satisfacción celebralo porque é un dos principais compromisos adquiridos por min, consciente da necesidade que teñen os nosos veciños e veciñas, especialmente os máis maiores, de sentirse útiles e activos”, dixo Tomé.

O Programa Activa é un ambicioso proxecto ideado polo Executivo de José Tomé que desenvolve ó longo de 8 meses un gran abanico de actividades de ocio e tempo libre. Os obxectivos pasan por favorecer o envellecemento activo e ademais mellorar a calidade de vida dos nosos maiores fomentando as relacións e os intercambios interxeracionais, así como a aprendizaxe de novos coñecementos. Con esta finalidade, déuselle prioridade de participación aos maiores de 55 anos, que son os que máis precisaban deste tipo de actividade para volver á normalidade, e gozar dunha vida máis saudable e independente.

“Dende os Servizos Sociais fíxose un traballo excelente do que se beneficiaron 15 grupos con 362 participantes no Centro Cívico, 76 máis que en 2022-23, un 27 % máis e 12 grupos con un total de 162 persoas nas parroquias, unha cifra similar á do período anterior”, explica o rexedor. En total, participaron no Programa Activa 2023-2024, en 27 actividades distintas, 525 persoas.

Das novas actividades propostas foron as de ioga, informática e costura básica as que tiveron unha acollida excelente, cubríndose a totalidade das prazas. Como en anos anteriores, todas as actividades foron gratuítas para os veciños e veciñas de Monforte, e subvencionadas ao 100 % polo Concello monfortino.

Para coñecer a valoración dos usuarios do Programa, dende o Concello realizouse unha enquisa de satisfacción na que participaron 275 persoas, obtendo uns resultados excepcionais: Grao valoración de actividade: excelente/axeitado para o 98 %, e grao de valoración de monitor: excelente/axeitado para o 98 %. Así mesmo, os participantes manifestaron sentirse máis activos, e valoraron en positivo o compañeirismo, o coñecer a persoas, o influxo positivo no seu estado de ánimo…

Por esta razón, e dado o éxito alcanzado e seguindo tamén co compromiso de mellorar a vida dos adultos maiores, o alcalde anunciou que este ano volveranse a iniciar as actividades do Programa Activa no mes de outubro e, como nesta edición, manteranse ata o mes de xuño do 2025.

Está previsto, tamén, un incremento de prazas e de actividades, en función das necesidades e suxerencias que se trasladen dende os Servizos Sociais do Concello. Por iso, o alcalde convidou ós asistentes a apuntarse ao programa, a realizar as actividades programadas e a desfrutar desta oportunidade de coñecer nova xente, de interrelacionarse con novas amizades e de manterse dinámicos e activos.

O rexedor monfortino concluíu agradecendo a participación dos 525 usuarios nesta edición de Programa Activa e felicitou á Coordinadora de Servizos Sociais e a todo o Grupo de Traballo que participou no mesmo, por estas valoracións tan positivas. “Eu síntome moi satisfeito de cumprir unha vez máis coa palabra dada de coidar e protexer a esta parte tan importante da nosa sociedade”.

0.1804039478302