Arredor de 60 persoas participan en Monforte nunha charla sobre a regularización extraordinaria de inmigrantes

RibeiraSacraXa
A sesión foi impartida por Celia López Rodríguez, avogada especializada en estranxeiría vinculada ao programa municipal de acollida e inclusión social
charla-regularizacion-monforte
23 Apr 2026

Arredor de sesenta persoas asistiron este mércores a unha charla informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas inmigrantes celebrada no Centro Cívico Social de Monforte de Lemos. A iniciativa foi organizada polo Concello a través da área de Servizos Sociais e estivo aberta a toda a veciñanza, con especial atención ao colectivo migrante.

A sesión foi impartida por Celia López Rodríguez, avogada especializada en estranxeiría vinculada ao programa municipal de acollida e inclusión social. Tras a exposición, os asistentes tiveron a oportunidade de formular consultas e resolver dúbidas sobre o proceso.

A Tenente de Alcalde e concelleira de Servizos Sociais, Gloria Prada, tamén participou na actividade e puxo en valor o compromiso do Concello con este colectivo. “Sendo conscientes do número de persoas migrantes que residen no noso municipio, o Alcalde quixo reforzar o traballo de asesoramento e acompañamento na tramitación administrativa para que estas persoas poidan regularizar a súa situación e vivir e traballar con normalidade en Monforte, cos mesmos dereitos e deberes que o resto do monfortinos e monfortinas”, sinalou.

Neste sentido, lembrou que o Concello puxo en marcha hai dous anos un programa específico para facilitar este acompañamento. Ademais, destacou que, tras a recente aprobación do novo marco normativo, “o Concello de Monforte quixo reforzar esta labor de asesoramento e organizar esta charla informativa para orientar a todas as persoas interesadas en participar neste proceso”.

A xornada tivo como finalidade ofrecer información clara e actualizada sobre requisitos, procedementos e prazos, contribuíndo así a mellorar o acceso á información e favorecer a integración social e administrativa da poboación inmigrante.

O proceso de regularización extraordinaria está recollido no Real Decreto 316/2026, publicado o pasado 14 de abril, que introduce modificacións na normativa estatal en materia de dereitos e liberdades das persoas estranxeiras en España.

0.11218500137329