Arranca a xornada de folga xeral cos turnos de noite parados nas grandes empresas e algúns altercados

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
A actuación destacada da noite foi a identificación de varias persoas por parte da Policía Nacional e Local por parte dun piquete da CIG
manifestacion-folga-xeral-vigo
11 Nov 2026

A folga xeral convocada este 11 de novembro tivo un amplo seguimento en Galicia, con polígonos industriais baixo mínimos, transporte público reducido e importantes paros en cidades como Vigo e A Coruña. O consumo eléctrico caeu máis dun 12 %.

Ás 00:00 horas arrincou a xornada de folga xeral convocadas polos sindicatos CIG, UXT, CCOO e CNT. Unha xornada de paro e mobilizacións contra "a carestía da vida e para exixir medidas para frear a escalada imparábel dos prezos dos produtos básicos, da vivenda, a precariedade, a pobreza laboral e a deterioración dos servizos públicos".

Co inicio da folga saíron os piquetes en numerosas cidades e vilas, en moitos casos tras celebrar asembleas para perfilar os últimos detalles dunha xornada que será longa, cara os polígonos industriais, fábricas e servizos con quenda de noite.

A xornada contou cun importante seguimento en sectores estratéxicos e tamén moi sindicalizados, como a automoción e o naval pero tamén con incidentes. Noutros sectores o seguimento está cualificado de "relevante", como o transporte e a recollida de lixo", onde se están a cumprir os servizos mínimos. Na industria o seguimento está preto do 70 % con fábricas "paralizadas na súa práctica totalidade".

No transporte o seguimento está sendo moi elevado, preto do 80 % por estrada, sendo do 100 % en Monbús, segundo CC. OO. Tamén suspenderon varios voos nos aeroportos de Santiago e Vigo e con repercusións no ferrocarril.

Si hai tranquilidade nos xulgados, onde todo transcorre con normalidade, coa celebración habitual de vistas segundo a axenda.

A folga estendeuse tamén polo estudantes, coas facultades da USC pechadas e algunhas con estudantes como piquetes informativos e animando a participar nas diferentes concentracións.

No Sergas a falta de ampliar os datos, confirman suspensións de quirófanos nos hospitais da Coruña, Cee e Monforte, mentres que en Ferrol tiveron que ser todos ser suspendidos. Tamén en Ferrol se confirma unha incidencia da folga en Primaria está sendo alta. No conxunto dos hospitais estanse vendo afectadas tamén, ademais dos quirófanos, as consultas programadas.

As primeiras manifestacións comezaron con normalidade.

POR LOCALIDADES

En Vigo, na farmacéutica Cofano, xa non entrou a quenda de noite, tamén está parada ao 100% FCC, que xestiona a recollida de lixo e a limpeza viaria da cidade. En BorgWarner Zamans na quenda de noite, dun total de 152 persoas só entraron 3 encargados e 8 persoas taller e na planta de Pescanova de Chapela só entrou unha parte do persoal.

Practicamente todas as empresas do sector da automoción tanto de Vigo como de Porriño están paradas, así como a empresa de loxística e transporte de mercadorías STEF.

Na cidade da Coruña o lixo do Consorcio das Mariñas, que inclúe todos os concellos da área metropolitana -agás a propia Coruña e Arteixo- está parado. Como tamén o está o servizo de recollida de lixo da cidade.

No almacén de Zara loxística o paro tamén está sendo significativo na quenda de noite e agárdase que haxa un maior seguimento nas quendas do día.

Na cidade herculina os sindicatos denunciaron "cargas policiales desproporcionadas", utilizando gas pementa, que causaron feridas a dous sindicalistas.

En Ferrol a quenda de noite de Navantia non entrou, o lixo de Narón tampouco e en Ferrol só funcionan os servizos mínimos.

En Lugo tamén funcionan unicamente os servizos mínimos no servizo de recollida do lixo. E a única cuestión salientable foi a "desproporcionada" actuación tanto da Policía Nacional, como da Policía Local no piquete de Ecolugo, onde identificaron a varias persoas "sen razón algunha", como explicou a CIG.

Tamén se rexistraron momentos de tensión á entrada do Centro Comercial As Termas, cando non deixaron entrar a todos os piquetes a algunha das tendas.

Na Mariña, a xornada de paro tivo tamén unha importante expresión nas rúas. Burela acolleu unha das principais mobilizacións da comarca, cunha manifestación convocada pola CIG que reuniu arredor de 3.000 persoas, segundo os datos facilitados pola organización. A protesta contou co apoio do BNG e de colectivos sociais como a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña. Pola súa banda, en Viveiro estaba prevista outra marcha ás 12.00 horas, promovida por CC.OO. e UGT.

A folga tamén tivo repercusión no ámbito industrial e noutros sectores produtivos da comarca. En Alcoa, en San Cibrao, os traballadores iniciaron o paro xa na quenda nocturna e a actividade nas plantas de aluminio e alúmina mantívose baixo servizos mínimos.

 

En Pontevedra o seguimento é total na quenda de noite de Treves e do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos non saíu nin a quenda de noite, nin os servizos mínimos.

No polígono do Campillo, un sindicalistas resultou ferido ao ser atropelado por un condutor cando estaba como piquete informativo.

Ademais, en Ribadavia, practicamente todo o persoal da fábrica de pezas e compoñentes metálicos Rubí Automotive da quenda de noite secunda a folga.

En Ourense, a véspera da folga, tivo lugar unha concentración pola vivenda diante da Subdelegación do Goberno, no parque de San Lázaro. A convocatoria partiu da Alianza pola Vivenda e comezou ás oito da tarde do martes 10 de novembro. Nela participaron colectivos sociais que reclaman medidas contra a suba dos prezos e a falta de acceso a un fogar digno. Ao longo do acto leuse un manifesto conxunto en que se criticaban a especulación coa vivenda e o encarecemento dos alugueiros, e se pedían respostas políticas inmediatas ante a precariedade que afecta a poboación traballadora.

MANIFESTACIÓNS

UGT e CC.OO. convocaron manifestacións durante a mañá deste mércores, 11 de novembro, con motivo da xornada de folga xeral, nas sete cidades galegas e noutras localidades. Ademais, ambos os sindicatos animan a participar nas mobilizacións previstas para a tarde, organizadas por outras centrais sindicais e colectivos sociais.

Pola súa banda, a Plataforma Galega Vivenda Xa! convocou e apoiou concentracións ás 18:00 horas nas catro capitais de provincia, así como en Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo.

Miles de persoas participaron nas manifestacións celebradas en cidades e vilas galegas para reclamar mellores salarios, vivenda digna, control dos prezos e servizos públicos de calidade.

En Vigo, o secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, defendeu a mobilización da clase traballadora e rexeitou os ataques aos sindicatos. «Se queren acabar con algo, que acaben coa precariedade, cos salarios que non chegan e cos alugueiros que non se poden pagar», afirmou.

As reivindicacións incluíron tamén a redución da xornada laboral, a mellora das pensións, a prevención de riscos laborais e o desbloqueo dos convenios colectivos.

Na mobilización participou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen vinculou a folga coas eleccións do 29 de novembro e situou o debate entre a defensa dos dereitos e os recortes. Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, apoiou as demandas de mellora salarial e acceso á vivenda.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chamou a trasladar a mobilización ás urnas o 29N cun apoio maioritario á súa formación, mentres denunciou a precariedade e a perda de poder adquisitivo.

Tamén a Fronte Ampla participou na convocatoria en Vigo. O seu portavoz, Paulo Carlos López, reclamou medidas contra a especulación inmobiliaria, como limitar os prezos dos alugueiros, regular as vivendas turísticas e ampliar o parque público.

A xornada rematou cunha mensaxe compartida polas organizacións participantes: defender os dereitos laborais, garantir o acceso a unha vivenda digna e mellorar as condicións de vida da maioría social.

.

0.15939497947693