Ampliouse unha sondaxe previa no interior do xacemento de Penas do Castelo
Na presente campaña, en Penas do Castelo na parroquia de Salcedo, A Pobra do Brollón, desenvolta entre agosto e setembro, ampliouse unha pequena sondaxe previa no interior do xacemento na que aparecera todo un nivel de derrubo de palla-barro, e na que agromou algunha nova información.
Ao ampliar a sondaxe, comprobouse que dito nivel de pallabarro derrubado esténdese notablemente. Ao comezar a retirar ese nivel foi cando comezou a aparecer unha boa cantidade de fragmentos cerámicos nun gran estado de conservación. Ademais, nun dos cacharros aparecen grans de cereal por determinar e restos concrecionados nas paredes interiores do mesmo.
Os restos de sementes atopados, así como as concrecións e numerosos carbóns, serán estudados e analizados en laboratorio, podendo fornecer datacións e outra información de interese para este momento de uso do xacemento.
Máis descubrimentos
Apareceu tamén unha serie de pedras colocadas de forma claramente intencional que configuran o que as arqueólogas interpretan como unha posible estrutura de almacenaxe de cereal.
“A disposición das pedras recorda a doutros xacementos como Arxeriz e terían a función de levantar a estrutura illándoa da humidade”, comenta Nerea Vilariño, do equipo arqueolóxico.
Esta interpretación vese reforzada pola tipoloxía dos cacharros, que semellan de almacenaxe, e a existencia dos grans de cereal, aínda que non se descartan outros usos da estrutura, mesmo simultáneos. “Son interpretacións a pé de campo, agora precisamos tempo para analizar os datos” engade Vilariño.
Por outra banda, a campaña incluíu traballos de restauración na monumental muralla a cargo de Alba Losada, quen sinala que “puidemos estabilizar as estruturas mediante a técnica da pedra seca, documentando preto de 200 metros de muralla pola cara interna e externa”. Ademais, durante a campaña, realizáronse actividades paralelas como a realización dunha charla ou un obradoiro de serigrafía.
Tamén o xacemento foi incluído na rede de visitas guiadas do Concello da Pobra do Brollón, polo que pasaron máis dun centenar de persoas.
Neste sentido, está prevista para o próximo domingo 6 de outubro unha andaina ata o xacemento incluíndo visita guiada por parte das técnicas.
A cita é ás 11.00 saíndo dende Salcedo, en concreto do Local Multiusos. Serán uns 4,5 km de dificultade baixa, aínda que a baixada ao propio xacemento si que fornece máis dificultade.
Os traballos foron financiados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e contou coa colaboración do Concello da Pobra do Brollón e da Comunidade de Montes de Salcedo.
Esta actuación foi executada pola empresa ÁRBORE S. COOP. GALEGA, baixo a dirección do arqueólogo Benito Vilas Estévez, e contou cun orzamento de 17.774,90 euros.
Con esta nova actuación, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude leva investido no xacemento arqueolóxico de Penas do Castelo preto dos 68.594,90 euros a través de 4 campañas arqueolóxicas desenvoltas entre os anos 2021 e 2024.