Alumnado de Xeografía da Universidade de Vigo visita Quiroga para coñecer o funcionamento do Xeoparque Montañas do Courel

RibeiraSacraXa
Os estudantes percorreron distintos puntos do Concello para coñecer os recursos, os axentes locais e o modelo de desenvolvemento territorial vinculado a esta figura de protección
UVigo visita Xeoparque
Foto: Concello de Quiroga
28 Oct 2026

A Facultade de Historia da Universidade de Vigo organizou unha xornada de traballo de campo no Xeoparque Montañas do Courel, dentro das actividades formativas do alumnado de terceiro curso do Grao en Xeografía e Historia. A actividade enmárcase na materia de Xeografía aplicada: Territorio e Paisaxe, e estivo coordinada pola profesora M. Luz Rodríguez.

O obxectivo da saída era que o alumnado coñecese de primeira man os recursos naturais e humanos do xeoparque, os diferentes actores implicados na súa xestión e as dinámicas de desenvolvemento que xorden ao abeiro desta figura de recoñecemento territorial.

O grupo foi recibido no Museo Etnográfico de Quiroga, onde o rexedor local, José Luis Rivera, e o técnico do Xeoparque, Roi Sampedro, ofreceron unha presentación sobre as características do territorio. Nesa introdución explicáronse as claves do que supón contar coa declaración de Xeoparque e o que significa esta distinción para as Montañas do Courel.

Tras este primeiro encontro, os estudantes desprazáronse ata as instalacións da Sociedade Cooperativa Galega CAURU, un proxecto impulsado por un grupo de apicultores que manteñen as súas colmeas repartidas por distintos puntos das Montañas do Courel.

A xornada continuou coa visita ao obradoiro ENXÓGATE, taller artesanal dirixido por Antonio Fernández Vicente e adscrito ao selo de Artesanía de Galicia, quen amosou ao alumnado o seu proceso de traballo.

Despois do xantar, o grupo fixo unha parada no Club Náutico de Augas Mestas, onde se analizou o contorno natural e a situación actual destas instalacións.

A derradeira parada da xornada tivo lugar nunha adega de Margaride, onde os responsables explicaron ao alumnado os seus produtos e as características do territorio no que desenvolven a súa actividade vitivinícola.

0.12269997596741