Alberto Fidalgo, deportista de Taboada, logra dous podios e un premio á mellor técnica no Mundial de Marcha Nórdica

Alberto Fidalgo, educador físico deportivo vinculado ao municipio de Taboada, colleitou varios resultados destacados no Campionato do Mundo INWA de Marcha Nórdica 2026, celebrado na cidade finlandesa de Lahti, un dos referentes históricos desta disciplina.
Na proba de 10 quilómetros, o deportista clasificouse na quinta posición da xeral e segundo na súa categoría. A súa actuación máis destacada chegou, con todo, nos 20 quilómetros, distancia na que subiu ao podio tras finalizar terceiro na clasificación absoluta e segundo na súa categoría.
A estes resultados deportivos sumouse un recoñecemento adicional: Fidalgo foi distinguido co premio á mellor técnica masculina de marcha nórdica na proba de 20 quilómetros, un galardón que, segundo se trasladou, recibiu con especial satisfacción.
Estes logros son froito dun longo proceso de preparación que inclúe numerosas horas de adestramento e constancia. A participación do deportista nunha cita deste nivel, disputada ademais nun país con forte tradición nesta modalidade, sitúa o nome de Taboada no mapa internacional da marcha nórdica, disciplina á que o propio competidor contribúe a difundir na súa contorna.