Agromuralla pide medidas urxentes para combater a praga do verme do millo

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A asociación de gandeiros explica que nas parcelas nas que o cultivo está xa grande non é posible entrar con tractor a realizar os tratamentos necesarios con insecticida
verme-defoliador-millo
24 Jun 2026

A asociación Agromuralla, que aglutina a produtores de leite das provincias da Coruña e Lugo, a viticultores da Ribeira Sacra e a produtores de vacún de carne da provincia de Ourense, pide que se adopte "con carácter de urxencia" unha excepcionalidade legal que permita realizar tratamenos fitosanitarios con drons nas fincas de millo afectadas polo verme soldado, que está a ameazar gravemente nos últimos días este cultivo por toda Galicia.

Do mesmo xeito, Agromuralla pide que tamén se premita facer tratamentos antigúnxicos no viñedo da Ribeira Sacra debido á alta presión de mildeu, á dificultade de acceso ás parcelas pola orografía e á elevada idade dos viticultores da zona. Do contrario, din, pode levar á verda da colleita deste ano e ao abandono do viñedo.

Agromuralla lembra que o millo representa "a principal produción forraxeira das explotacións leiteiras galegas, da que depende a alimentación do gando e a rendibilidade das granxas", polo que pide á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Agricultura "que adopten todas as medidas que sexan necesarias de xeito inmediato".

A presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, explica que "neste momento as principais zonas de produción leiteira de Galicia, tanto na provincia da Coruña como en Lugo, están a sufrir graves ataques de vermes defoliadores pertencentes a dúas especies diferentes, Spodoptera exigua e Mythimna unipuncta, que en poucos días son capaces de arrasar por completo fincas enteiras de millo debido á súa voracidade".

A praga, que se veu favorecida na súa expansión polas altas temperaturas deste ano, inusuais para un mes de xuño, chegou un mes antes do normal e avanza moi rápido, dado que colleu ao millo en plena fase de crecemento inicial, con aínda poucas follas.

Para controlala, insiste Agromuralla, deben ser aplicados urxentemente tratamentos fitosanitarios a base de insecticidas, pero, asegura, "nalgúns casos resulta imposible entrar nas fincas co tractor e a sulfatadora convencional dado que o millo que foi labrado máis cedo está xa grande".

Seguridade e garantías legais nas aplicacións

Por iso, Agromuralla esixe que as explotacións afectadas poidan realizar as aplicacións con dron "con seguridade e garantía legais". Neste momento, explica Noelia Rodríguez, está permitido o uso de drons en agricultura para a aplicación de abonos foliares e bioestimulantes sobre os cultivos, pero non para tratamentos fitosanitarios.

"A Xunta anuncia que se vai pedir ao Ministerio cambios na regulación dos drons e que Bruxelas autorice determinados produtos para a súa aplicación aérea, pero este é un trámite que leva tempo e non nos resolve o problema que temos agora mesmo nas terras, por iso é necesario habilitar unha excepcionalidade, que é a vía máis rápida para poder autorizar as aplicacións con dron con carácter de urxencia", insiste.

Os vermes defoliadores non atacan só o cultivo de millo, senón que afectan tamén a outras plantacións, como horta, pataca ou viñedo, polo que Agromuralla pide que se estenda esta excepcionalidade da aplicación de fitosanitarios con dron tamén a estes outros cultivos.

"Pedimos á Administración que axilice todos os trámites para facilitar os medios de aplicación dos tratamentos necesarios para que poidan ser efectivos. Pedir ao Ministerio non é suficiente porque non resolve o problema. A Xunta, na medida das competencias que ten, debe adoptar medidas que pasen por lograr unha excepcionalidade ao uso de drons ou en cuestión de días quedaremos sen millo, sen patacas e sen viño", alerta Agrumuralla.

0.13285422325134