Agroma Sober reclama un plan para mellorar as infraestruturas viarias e a sinalización turística no municipio

O Grupo Municipal de Agroma Sober – IGV rexistrou unha moción para o próximo pleno na que solicita unha análise rigorosa e unha intervención inmediata ante os problemas que presentan as estradas, a sinalización e a xestión dos fluxos turísticos no municipio. A formación considera que estas deficiencias están a afectar tanto á calidade de vida da veciñanza como ao desenvolvemento dun modelo turístico de calidade e xerador de emprego.
Na exposición de motivos, o grupo sinala que a Ribeira Sacra e, en particular, Sober, sofren unha situación de “insatisfacción de habitantes e turistas” debido ao mal estado das vías, a sinalización confusa e a falta de planificación. Entre os problemas citados inclúense o atasco dunha caravana na baixada de Xabrega, a saturación de vehículos no embarcadoiro de Doade e nos Chancís, así como a perigosidade de determinadas pistas de ribeira onde “dificilmente pasan dous coches se se cruzan”.
A formación critica ademais que a promoción da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial non se corresponde, ao seu xuízo, co estado das infraestruturas básicas, e alerta da falta de execución e transparencia do Plan de Sostibilidade Turística, que conta con partidas específicas para mobilidade.
Agroma Sober – IGV propón un total de 16 medidas, entre as que destaca un plan de choque para a mellora das estradas municipais e provinciais, así como a planificación conxunta coa Deputación para a reparación da rede viaria.
O grupo lembra que no pleno de maio se indicou que a Deputación enviaría un equipo de rego asfáltico ao municipio durante mes e medio, aínda que a mediados de xuño non se teñen observado actuacións, e sinala que este mesmo equipo estivo durante anos asignado a outro concello.
Entre as propostas inclúese tamén a revisión e actualización da sinalización turística e das adegas, así como a regulación da cartelería privada para evitar confusións.
No ámbito da mobilidade, a moción propón a xestión dos fluxos turísticos, a restrición de acceso a non residentes en pistas perigosas, a creación de zonas de estacionamento para autocaravanas e a instalación de elementos de calmado de tráfico en puntos conflitivos.
Tamén se recolle a mellora da información turística con datos actualizados sobre o estado das estradas, a revisión de rutas en Google Maps e a implantación de sistemas de información en tempo real e coordinación entre oficinas de turismo.
A iniciativa reclama ademais maior transparencia ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, solicitando información detallada sobre a execución do Plan de Sostibilidade Turística.
A voceira de Agroma Sober – IGV, Paula Vázquez Verao, defende que “Sober ten un potencial inmenso para un turismo que xere alto valor económico e social, pero para aproveitalo e xerar emprego de calidade necesitamos infraestruturas á altura. Non podemos permitir que a falta de mantemento e a improvisación afasten a visitantes e poñan en perigo a nosa xente. As nosas propostas buscan converter Sober nun destino intelixente, seguro e sostible, onde o turismo sexa un motor de desenvolvemento real e non colisione cos intereses da veciñanza”.