Agroma Sober levará ao pleno os problemas de funcionamento da depuradora de Canaval

Agroma Sober–Interior Galego Vivo presentará ante o Goberno local varias preguntas sobre o funcionamento da depuradora de Canaval, tras as queixas trasladadas pola veciñanza polos episodios nos que, segundo a formación, a instalación deixa de funcionar durante fins de semana e festivos.
Agroma Sober–IGV asegura que nestas situacións se producen malos cheiros e unha maior presenza de insectos e sinala que, nos días previos ás últimas choivas, o cheiro chegaba ata as vivendas da zona.
A formación lembra que xa trasladou esta cuestión en anteriores ocasións ao Pleno municipal. Segundo explica, o Goberno local atribuíu entón os paros a fallos no sistema electrónico que interrompían con frecuencia o bombeo. Tamén sinala que se lle comunicou a existencia dun convenio con Augas de Galicia para renovar este sistema e que o motor xa fora substituído, aínda que, segundo a formación, os problemas continúan.
Agroma Sober–IGV apunta ademais que nos últimos anos se produciron episodios de desbordamento durante períodos de enchentes, con saída de auga sen depurar á contorna. A formación relaciona estes feitos con sancións impostas ao Concello pola Confederación en 2024 por “verquidos que afectan ao dominio público hidráulico”, segundo consta na súa exposición de motivos.
A formación asegura que os problemas no mecanismo de bombeo da depuradora se prolongan desde hai máis de dúas décadas e reclama que o tratamento das augas residuais se manteña con normalidade tamén durante fins de semana e días festivos.
Neste contexto, Agroma Sober–IGV considera que a procura dunha solución estable debería constituír unha prioridade para os investimentos dos Orzamentos municipais de 2027.
As preguntas que a formación trasladará ao Goberno local céntranse en coñecer por que a depuradora non funciona con normalidade durante fins de semana e festivos, se se renovou por completo o mecanismo de bombeo de augas e se está prevista unha actuación que permita evitar novos episodios. Tamén pregunta se os problemas actuais están relacionados cos fallos frecuentes no sistema de bombeo.