AGORA renova espazos do seu centro de día e das súas vivendas tuteladas en Monforte

A Asociación AGORA de Persoas con Discapacidade da Comarca de Lemos puxo en marcha unha serie de melloras nas instalacións do centro de atención diúrna e das vivendas tuteladas que xestiona en Monforte de Lemos. O obxectivo destas actuacións é seguir elevando a calidade dos programas e servizos que ofrece a entidade, optimizando os espazos dispoñibles e incrementando a súa funcionalidade para adaptalos mellor ás necesidades tanto das persoas participantes coma dos profesionais que traballan nelas.
No caso das vivendas tuteladas, os traballos centráronse en reorganizar e aproveitar mellor as zonas destinadas á lavandería e á despensa. Con esta redistribución búscase lograr un funcionamento máis eficiente destes espazos e facilitar o seu uso diario.
En canto ao centro de atención diúrna, as obras estanse a desenvolver na zona de almacén, coa finalidade de mellorar a súa organización e ampliar a súa capacidade de almacenaxe. Ademais, estase a habilitar un vestiario destinado ao persoal do centro.
Para levar a cabo este conxunto de melloras, a Asociación AGORA conta con financiamento procedente do 0,7 % do IRPF. Trátase de fondos que proveñen das achegas das persoas contribuíntes que, ao presentaren a súa declaración da renda, marcan a casiña 106 correspondente a Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social, coñecida popularmente como X Solidaria. Estes recursos, xestionados pola Xunta de Galicia, están destinados a impulsar proxectos de mellora en entidades do Terceiro Sector, como é o caso de AGORA.
Con estas obras, a asociación reafirma a súa aposta pola modernización e adaptación das súas instalacións, promovendo espazos máis accesibles, funcionais e sostibles. Segundo destaca a propia entidade, estas melloras teñen unha repercusión directa tanto na calidade de vida das persoas atendidas coma nas condicións de traballo dos profesionais do centro.