AGORA Lemos suma un novo vehículo adaptado para o transporte de persoas con discapacidade en Monforte

RibeiraSacraXa
A entidade amplía a súa flota cun vehículo de seis prazas financiado con fondos do 0,7 % do IRPF, que mellorará os desprazamentos das persoas usuarias do centro de día e das vivendas tuteladas
cogami_monforte
12 Aug 2026

A Asociación AGORA de Persoas con Discapacidade da Comarca de Lemos incorporou un novo vehículo á súa flota de transporte, co que reforzará os desprazamentos das persoas que participan no centro de atención diúrna e nas vivendas tuteladas que a entidade xestiona en Monforte de Lemos.

Ovehículo, con capacidade para seis persoas, está pensado para dar resposta ás necesidades de mobilidade do centro e das vivendas, e que facilitará o acceso das persoas usuarias a actividades, servizos e recursos da comunidade.

A compra foi posible grazas ás axudas procedentes do 0,7 % do IRPF, é dicir, do diñeiro que as persoas contribuíntes destinan de xeito voluntario ao marcar a casiña correspondente ás Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social, coñecida como X Solidaria. Estas axudas están xestionadas pola Xunta de Galicia e teñen como finalidade apoiar proxectos que melloren os servizos e equipamentos das entidades do terceiro sector.

Para a incorporación do vehículo, AGORA contou ademais con CUALICAR, centro especial de emprego de COGAMI Empresarial, co que a operación tamén serviu de apoio a iniciativas empresariais orientadas á inclusión laboral das persoas con discapacidade.

Con esta nova adquisición, a entidade busca gañar en seguridade, accesibilidade e confort durante os traxectos, ademais de impulsar a autonomía persoal e a participación social das persoas con discapacidade.

Dispoñer dun vehículo propio, adaptado ás necesidades do servizo, facilita tamén o labor dos e das profesionais encargados do acompañamento e do transporte, que poderán ofrecer unha atención máis axustada a cada persoa.

0.12409496307373