AGAFAN organiza unha nova Quedada Familiar en Manzaneda con actividades para todas as idades a prezos reducidos

A Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN) celebrará unha nova edición da Quedada Familiar na Estación de Montaña Manzaneda co obxectivo de facilitar o acceso ao lecer e á convivencia familiar a prezos accesibles. A iniciativa chega tras a boa acollida da primeira convocatoria, celebrada o pasado mes de maio con motivo do Día da Familia.
A actividade, organizada de novo coa colaboración da Estación de Montaña Manzaneda, busca ofrecer ás familias numerosas unha proposta de fin de semana que combine natureza, deporte e tempo compartido, ao tempo que fomente a relación entre as persoas socias da entidade e promova un modelo de lecer familiar accesible.
A segunda edición terá lugar os días 2, 3 e 4 de outubro de 2026 e incluirá un amplo programa de actividades para todas as idades, todas elas incluídas no prezo da estadía. Entre as propostas previstas figuran piscina, circuíto de multiaventura, tiro con arco, rutas de sendeirismo, obradoiros de supervivencia, vivacs, discoteca, rocódromo e viaxes en telecadeira.
As familias interesadas en participar poderán formalizar a súa reserva contactando directamente coa Estación de Montaña Manzaneda a través do teléfono 988 30 90 90 ou do correo electrónico manzaneda@manzaneda.com, indicando o seu número de socio de AGAFAN. Para confirmar a inscrición será necesario realizar o pagamento íntegro mediante tarxeta.