Adxudicado o contrato para a montaxe do recinto do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

O Concello de Monforte de Lemos deu un novo paso na organización do Festival do Viño da Ribeira Sacra, que celebrará a súa oitava edición os días 3, 4 e 5 de xullo no Paseo do Malecón, coa aprobación da adxudicación do contrato para a montaxe do recinto.
A decisión foi adoptada este luns pola Xunta de Goberno Local, que deu luz verde ao contrato de subministración en réxime de aluguer das estruturas e elementos necesarios para o desenvolvemento do evento, por un importe de 117.370 euros, ive incluído.
Segundo a información municipal, o contrato abrangue o conxunto de actuacións necesarias para dotar ao festival dunha infraestrutura completa, funcional e de calidade. Isto inclúe o deseño da imaxe gráfica e da sinaléctica, o mobiliario, a montaxe de estruturas, instalacións eléctricas e de fontanaría, así como o subministro de aseos portátiles e outros servizos auxiliares. Tamén se contempla a loxística de montaxe e desmontaxe, sendo parte dos elementos gráficos propiedade do Concello unha vez rematado o evento.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destacou que o Festival do Viño da Ribeira Sacra “é un evento totalmente consolidado no calendario enogastronómico galego e unha cita de referencia para a promoción dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra”.
O certame contará coa participación de ata 30 adegas da D.O. Ribeira Sacra e 12 postos de gastronomía local, ademais dun programa paralelo con actividades culturais, musicais, catas profesionais e obradoiros infantís de acceso gratuíto.
O recinto manterá unha estética baseada en madeira, tons violetas e elementos contemporáneos como teas microperforadas e xardíns verticais, e contará con zonas diferenciadas para adegas, gastronomía, recepcións, palco, espazos infantís e servizos.
Desde o Concello sublíñase que o festival busca combinar a promoción do viño da Ribeira Sacra cunha ampla oferta cultural e de lecer aberta a todos os públicos nun entorno como o Paseo do Malecón, á beira do río Cabe.