Adolfo Rubio é o candidato do PSOE á Alcaldía da Pobra do Brollón

RibeiraSacraXa
Adolfo Rubio é o candidato do PSOE á Alcaldía da Pobra do Brollón despois de ser presentado nun acto con José Tomé
PSOE A Pobra
PSOE A Pobra
19 feb 2023

O PSOE provincial presentou a Adolfo Rubio Pascual como candidato do Partido Socialista á Alcaldía da Pobra de Brollón nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio.

A militancia da localidade respaldou por unanimidade a candidatura de Rubio, poñendo en valor que a súa traxectoria profesional, a súa fonda vinculación coa Pobra e o seu coñecemento do concello convérteno "no candidato ideal para liderar un novo proxecto, con novas ideas, que ofreza a ilusión e o impulso necesarios para que o concello recupere o dinamismo e poña en marcha as melloras que os veciños e veciñas reclaman", defenderon.

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, acompañou ao novo candidato socialista na súa presentación, onde subliñou a súa ampla experiencia profesional, pois Adolfo Rubio rexenta unha vivenda de uso turístico na parroquia de Liñares, e exerceu ao longo da súa vida diferentes responsabilidades en empresas do sector automobilístico e de banca.

"Adolfo Rubio é un excelente candidato, cun coñecemento profundo da realidade e das necesidades da Pobra, capaz de alcanzar a Alcaldía e de impulsar os proxectos de mellora que este concello precisa despois de anos cun modelo de xestión esgotado".

O alcaldable explicou que se considera "unha persoa conciliadora que quere o mellor para o sitio no que vive. Este é un concello acolledor, no que sempre me sentín moi ben acollido, e este paso é tamén un xeito de devolver á Pobra o cariño e as oportunidades que me deu".