ADEGA pide unha avaliación ambiental ordinaria para as baterías de Belesar ante a acumulación de proxectos enerxéticos na Ribeira Sacra

ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) presentou alegacións no procedemento de avaliación ambiental dos proxectos de almacenamento enerxético mediante baterías GRX Belesar I e GRX Belesar II, previstos no lugar de Pesqueiras, no Concello de Chantada. A organización solicita que, no caso de que continúe a súa tramitación, ambas as instalacións sexan sometidas a unha avaliación de impacto ambiental ordinaria, en lugar da simplificada que se está a aplicar na actualidade.
A entidade lembra que xa participou anteriormente na tramitación destes dous proxectos, reclamando daquela que fosen sometidos, como mínimo, a unha avaliación ambiental simplificada. Esa petición foi finalmente asumida pola Administración, que puxo en marcha o procedemento que está aberto a consultas desde o pasado mes de agosto.
Á vista da documentación incorporada ao expediente, así como do conxunto de proxectos enerxéticos previstos na zona, ADEGA considera que existen elementos abondo para non descartar a posibilidade de que se produzan efectos significativos sobre o medio ambiente. Por iso, defende que o nivel de avaliación debería elevarse ao procedemento ordinario.
Unha valoración conxunta fronte á fragmentación de proxectos
A organización insiste en que analizar estas dúas instalacións por separado non responde á realidade do territorio. Ao seu ver, Belesar I e Belesar II deberían entenderse como unha soa actuación, xa que suman unha potencia conxunta de 96,52 MW e unha capacidade de almacenamento de 772,14 MWh, ademais de compartir unha ampla rede de infraestruturas de evacuación que conflúen nun mesmo nó enerxético.
A este argumento súmase a súa localización, situada na área de amortecemento da Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra, así como a proximidade a unha zona húmida vinculada ás nacentes do río Tarrío. Segundo ADEGA, os posibles impactos sobre esta contorna —entre eles os riscos de contaminación e de incendio derivados dos contedores de baterías— deberían analizarse en maior profundidade antes de autorizar os proxectos.
Por todo isto, a asociación pide que non se autorice a continuidade das instalacións mentres non se descarten os seus posibles efectos ambientais, e reitera a súa petición de que GRX Belesar I e GRX Belesar II sexan sometidos a unha avaliación de impacto ambiental ordinaria, que teña en conta o conxunto de infraestruturas enerxéticas presentes na zona e os seus efectos acumulativos.
Segundo defende a organización, a transición enerxética non debería levarse a cabo á marxe da protección do territorio, nin mediante a división de proxectos que, desde o punto de vista ambiental, forman parte dunha mesma transformación territorial.