ACRUGA subasta en Seoane do Courel tres xovencas

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA) organiza este sábado 16 de maio en Seoane do Courel, en colaboración co Concello de Folgoso do Courel, unha nova poxa de xovencas preñadas co obxectivo de manter a tendencia á alza nas cotizacións desta raza.
A subasta dará comezo ás 12.30 horas, e desde unha hora antes poderanse retirar as tarxetas necesarias para participar na poxa. En total sairán ao anel tres exemplares cun prezo de saída fixado en 2.900 euros, aos que se suman axudas de 200 euros por animal para incentivar a compra.
Os animais proceden de explotacións de Manzaneda, Cervantes e Castro de Rei, e despois do seu nacemento pasaron polo centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. Segundo a organización, foron seleccionados polas súas boas características morfolóxicas, produtivas e reprodutivas, así como pola súa liña xenética, na que figuran exemplares de alto valor como Capitán, Gallardo, Quijano ou Navarro.
Desde ACRUGA confían en repetir os bos resultados das últimas poxas, nas que se adxudicaron todos os animais presentados e con prezos moi superiores ao de saída. Na última subasta celebrada en Sarria, no marco da Feira do Ano, alcanzouse unha media de 3.800 euros, mentres que en Boimorto se rexistrou o mellor dato do que vai de ano. Na edición anterior en Seoane do Courel, a media situouse nos 3.733 euros.
Como é habitual nas poxas organizadas pola asociación, agárdase unha alta participación e un resultado positivo en canto a prezos e adxudicacións.