Acción Contra a Fame lanza unha iniciativa para facilitar o relevo xeracional de negocios en Quiroga, Chantada e Sarria

SarriaXa | RibeiraSacraXa
A campaña busca conectar empresas que precisan continuidade con persoas emprendedoras interesadas en adquirir ou xestionar actividades xa en funcionamento
rúa-8M-Chantada
21 Jul 2026

Os concellos de Quiroga, Chantada e Sarria participan nunha iniciativa orientada a favorecer o relevo xeracional do tecido empresarial, co obxectivo de poñer en contacto negocios que buscan continuidade con persoas interesadas en emprender a través da adquisición ou xestión dunha actividade xa existente.

A acción, promovida por Acción Contra a Fame, contempla a elaboración de dúas enquisas diferenciadas. A primeira está dirixida a empresas, persoas autónomas e titulares de negocios que estean valorando a súa xubilación, o traspaso, a transmisión da actividade ou a incorporación dunha persoa que garanta a continuidade do proxecto empresarial.

A segunda enquisa está destinada a persoas emprendedoras ou profesionais interesadas en asumir, continuar ou adquirir un negocio en funcionamento.

A información recompilada permitirá coñecer con maior detalle a situación do territorio, identificar oportunidades e necesidades e planificar futuras actuacións de información, conexión e acompañamento tanto para os propietarios dos negocios como para as persoas que desexen iniciar unha actividade empresarial aproveitando empresas xa consolidadas.

0.12408113479614