Acción Contra a Fame impulsa unha enquisa para coñecer as inquietudes da mocidade do sur de Lugo

SarriaXa | RibeiraSacraXa
O proxecto busca recoller as preocupacións e expectativas de futuro de persoas de entre 15 e 29 anos para mellorar as oportunidades laborais no rural
Vilamor-Folgoso-do-Courel
16 May 2026

A Fundación Acción Contra a Fame está a desenvolver o proxecto 'Comunidades de dinamización e emprego inclusivo: novas ruralidades', unha iniciativa coa que pretende coñecer os intereses, preocupacións e expectativas de futuro da mocidade que reside no sur da provincia de Lugo.

Así, a iniciativa está especialmente orientada á mocidade dos concellos de Sarria, Monforte de Lemos, Taboada, Chantada, Carballedo, O Saviñao, Bóveda, Pantón, Sober, A Pobra do Brollón, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil.

A través desta acción, a entidade diríxese a rapaces e rapazas de entre 15 e 29 anos co obxectivo de escoitar as súas opinións e contribuír á mellora das oportunidades de emprego e das perspectivas de futuro no rural lucense.

Segundo explican desde a Fundación, a enquisa pretende recoller información sobre a percepción que a xuventude ten do seu lugar de residencia, as súas preferencias formativas, onde cren que vivirán no futuro ou a que lles gustaría dedicarse profesionalmente.

Desde Acción Contra a Fame destacan a importancia de contar coa participación da xuventude para poder deseñar iniciativas adaptadas ás necesidades reais da poboación nova no rural.

0.1206259727478