Abriuse o prazo para participar nos Premios á Excelencia do Turismo e da Gastronomía da Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo vén de abrir o prazo para presentar candidaturas á sétima edición dos Premios que recoñecen a Excelencia do Turismo e da Gastronomía da provincia de Lugo impulsados pola institución provincial. O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publicou este martes, 19 de maio, as bases e a información da convocatoria deste ano que busca recoñecer dun xeito honorífico o labor de persoas; entidades públicas e privadas; así como actividades e proxectos que destacan pola súa contribución ao desenvolvemento turístico, á innovación, á sustentabilidade e á posta en valor da gastronomía lucense.
O prazo para participar estará aberto ata o 20 de xuño e as candidaturas deberán presentarse de forma telemática a través da Sede Electrónica da Deputación de Lugo. Poderán optar aos premios persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, tanto a título individual como colectivo, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional. Os galardóns, promovidos polo Consello Provincial de Turismo, inclúen as seguintes categorías:
- Premio Lugo Cambia ao Turismo Lucense, que recoñece iniciativas que promovan de maneira destacada o turismo na provincia.
- Premio Turismo Sostible, dirixido a proxectos exemplares por fomentar un modelo turístico respectuoso co medio ambiente e a identidade local.
- Premio ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense, centrado na posta en valor da calidade e singularidade da oferta gastronómica da provincia.
O xurado estará composto por membros do Consello Provincial de Turismo e analizarán a aportación do traballou ou iniciativa ao desenvolvemento turístico da provincia segundo á modalidade á que se presenta; a singularidade da proposta; e a súa capacidade para impulsar a imaxe e a proxección da provincia como destino turístico e gastronómico. Nesta edición tamén se poderán conceder ata tres premios nas categorías de Turismo Lucense e Gastronomía Lucense; un único recoñecemento na de Turismo Sostible; e un accésit en cada modalidade.
A entrega dos premios terá lugar a finais de setembro, nun acto público que reunirá representantes institucionais, premiados e profesionais dos sectores implicados. Os galardóns consistirán nun diploma acreditativo e unha peza de artesanía tradicional da provincia de Lugo. As bases completas da convocatoria están xa dispoñibles no BOP do 19 de maio de 2026 e poden consultarse na páxina web da Deputación de Lugo.