Abrense as inscricións para a San Silvestre de Chantada, que se disputará o 26 de decembro

Xa se poden formalizar as inscricións para a terceira edición da San Silvestre que organiza a área de Deportes do Concello de Chantada, unha carreira popular que se disputará o próximo 26 de decembro polas rúas do casco urbano do municipio.
O prazo permanecerá aberto desde este luns, 9 de novembro, ata as 23.59 horas do 24 de decembro. A participación é gratuíta e está aberta tanto a atletas federados como non federados.
Un dos sinais de identidade desta proba é a posibilidade de correr disfrazado, seguindo a temática nadaleña propia destas datas. Na pasada edición, das máis de 200 persoas que se inscribiron, máis de cincuenta tomaron a saída vestidas con disfraces alusivos ao Nadal.
A organización reservou o dorsal número 0 como xesto simbólico a favor da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Chantada (AFA Chantada).
Distancias segundo categorías
A proba ofrece distintos percorridos en función da idade dos participantes: 5 quilómetros para os adultos, 1 quilómetro para os menores de entre 6 e 12 anos, e 200 metros para os máis pequenos, de entre 4 e 6 anos. Os nenos e nenas maiores de 12 anos poderán tomar parte na carreira de 5 quilómetros sempre que vaian acompañados dun adulto ou conten co consentimento do seu representante legal.
Todas as saídas terán lugar na Praza de Galicia. A primeira en arrancar será a categoría de 4 a 6 anos, ás 17.15 horas. Quince minutos despois, ás 17.30 horas, será a quenda dos participantes de entre 6 e 12 anos, e a xornada pecharase coa saída da carreira de adultos, prevista para as 18.00 horas.
Premios e remate con chocolatada
A cita deportiva rematará cunha chocolatada con churros e a entrega de trofeos aos tres primeiros clasificados, tanto en categoría masculina como feminina, da competición xeral.
Ademais, premiaranse os mellores disfraces, tanto a nivel individual como por equipos (dun mínimo de cinco integrantes), con dotación económica:
- Individual: 1º, 120 €; 2º, 80 €; 3º, 60 €; 4º, 40 €; 5º, 30 €
- Equipos: 1º, 280 €; 2º, 150 €; 3º, 100 €; 4º, 80 €; 5º, 60 €
Todos os participantes das categorías infantís recibirán unha medalla conmemorativa.
Con esta iniciativa, que ano tras ano reúne a decenas de persoas no corazón de Galicia, moitas delas correndo disfrazadas, búscase fomentar a práctica deportiva ao tempo que se impulsa a convivencia e a creatividade nun ambiente festivo propio das festas do Nadal.