Abre o prazo de solicitude das axudas O que non Arde, dirixidas a gandarías en réxime extensivo

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha a sétima edición da convocatoria das axudas á gandería extensiva “O que non arde”, cun orzamento de 400.000 euros.
O Boletín Oficial da Provincia publicou as bases da convocatoria, dirixida a ganderías de cabalar, ovino, cabrún e porcino, que poderán solicitar axudas para financiar investimentos e gastos relacionados co manexo, a alimentación e a sanidade do gando en extensivo.
Concretamente, contémplase a subvención da compra de pastores eléctricos e accesorios para o seu funcionamento, como baterías ou placas fotovoltaicas, a compra e o mantemento de valados móbiles de malla electrificada, de valados fixos electrificados, de colares intelixentes para a monitorización da actividade animal, de refuxios, de pasos canadenses e doutros elementos para silvopastoreo como curros, mangas de manexo, comedeiros e bebedeiros móbiles ou pasos canadenses.
O deputado de Rural Daniel García explicou que “seguimos reforzando un programa que se puxo en marcha en 2020 para contribuír ao aproveitamento e á xestión integral do monte e que se consolidou nestes anos como un instrumento de apoio á gandería extensiva, un modelo produtivo que fixa poboación no territorio, que conserva o medio natural e que actúa como barreira eficaz contra os lumes”.
O responsable provincial detallou que “o programa foi incorporando medidas demandadas por ganderías e por colectivos e profesionais que traballan no rural, tratando de proporcionar un apoio efectivo e real a quen están día a día no territorio”. Nesa liña, explicou que “nas últimas edicións se incorporou o financiamento de elementos como os colares intelixentes, que utilizan a tecnoloxía para facilitar o control do gando no monte” .
Daniel García destacou que “coa ampliación de orzamento das últimas convocatorias, O que non arde consolidouse como a principal liña de axudas directas para as ganderías que están a realizar un traballo pouco visible pero moi necesario, como as ganderías de cabalar, que contribúen a reducir a biomasa nas principais serras da provincia, como o Xistral e Cadramón”.
As axudas, que poden solicitarse desde hoxe, 19 de xuño, ata o vindeiro 10 de xullo, poderán chegar a un máximo de 6.000 euros ou 12.000, no caso de incluíren pasos canadenses ou colares intelixentes, de acordo cos criterios establecidos nas bases, simplificadas respecto de anteriores convocatoria co fin de axilizar a tramitación administrativa e abrir a convocatoria a novas persoas beneficiarias. Así, na concesión prímase cunha puntuación adicional as persoas que non recibiron as axudas na convocatoria de 2025.
As bases da convocatoria e os modelos de solicitude están dispoñibles na web da Deputación de Lugo, no apartado Medio Rural>Subvencións Concorrencia Competitiva>O que non arde.
Nova edición dun programa pioneiro
A área de Rural puxo en marcha o programa “O que non arde´” en 2020, cunha primeira edición centrada na xestión do monte, na que se financiou a roza e limpeza das faixas laterais da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas.
En 2021, a convocatoria orientouse ao fomento do pastoreo preventivo por parte das comunidades de montes veciñais en man común, implicando a comuneiros e comuneiras no mantemento e limpeza das faixas de protección contra os lumes. Beneficiáronse da convocatoria 18 comuneiros a título particular e 7 CMVMC, de Castroverde, Sarria, Ourol, Abadín, Friol, Mondoñedo, Viveiro.
Nas 4 últimas edicións, 2022, 2023, 2024 e 2025, as axudas orientáronse a gandería de cabrún, ovino e porcino, apoiando a posta a disposición destas ferramentas para os/as gandeiros/as da provincia de Lugo, co fin último de apoiar a xestión do territorio, o mantemento da paisaxe, a conservación da biodiversidade e a redución de biomasa no monte. Na anualidade pasada concedéronse 72 axudas a ganderías das distintas comarcas lucenses.
Tendo en conta a contía orzamentada para a convocatoria deste ano, a área de Rural suma un total de 1.145.000 euros destinados ao programa “O Que Non Arde”, que conta con recoñecemento de diferentes entidades e foros estatais -WWF Adena ou Territorios Pastoreados da Fundación Entretantos- como iniciativa institucional das administracións públicas de apoio á Gandería Extensiva.