Aberto o prazo para participar no Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2026 na Biblioteca de Quiroga

A Biblioteca Pública Municipal de Quiroga abriu o prazo de participación para o Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2026 na súa fase local, unha iniciativa dirixida á rapazada co obxectivo de fomentar a creatividade e o vínculo coa lectura.
O concurso xira arredor do lema “Medrar lendo”, unha proposta que convida aos participantes a reflexionar sobre o papel dos libros na infancia, lembrando momentos nos que a lectura axudou a comprender o mundo, a estimular a imaxinación ou a sentirse acompañado.
No certame poden participar todos os nenos e nenas que o desexen, podendo presentar máis dun traballo. No caso da modalidade de narración, os textos deberán ter unha extensión máxima dun folio por unha soa cara e poderán estar mecanografados, feitos a computador ou escritos a man, sempre en bolígrafo. Pola súa banda, os debuxos deberán realizarse en papel ou cartolina de tamaño aproximado DIN A4.
Cada traballo deberá ir acompañado dunha folla cos datos persoais do autor ou autora, escritos en maiúsculas. O prazo de entrega permanecerá aberto ata o 11 de maio e as obras deberán presentarse na propia Biblioteca Municipal.
O certame establece tres categorías por idades: ata 8 anos, de 9 a 11 e de 12 a 16 anos. Un xurado especializado será o encargado de seleccionar, en cada modalidade e categoría, un máximo de tres traballos. O fallo darase a coñecer antes da celebración do Día das Letras Galegas.
As creacións premiadas nesta fase local pasarán a competir na fase provincial, organizada pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.