Aberto o prazo de inscrición para as probas de acceso ao Conservatorio Municipal de Música de Monforte

O Concello de Monforte de Lemos informa da apertura do prazo de inscrición para o acceso e matrícula no Conservatorio Municipal de Música ‘Mestre Ibáñez’ de cara ao curso académico 2026-2027. A oferta educativa inclúe as especialidades de violín, guitarra, piano, percusión, bombardino, clarinete, saxofón, tuba, trompa, trompeta e trombón de varas.
No caso do acceso ao primeiro curso das ensinanzas elementais, o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 23 de xuño. Trátase dunha proba de aptitude musical que non require coñecementos previos. A proba celebrarase o 25 de xuño ás 12.00 horas.
Para o acceso ao primeiro curso de grao profesional (pase de grao), o prazo estará aberto ata o 16 de xuño. Esta proba terá lugar o 17 de xuño ás 16.00 horas.
Así mesmo, para o acceso a outros cursos das ensinanzas elementais ou profesionais, o prazo de inscrición tamén remata o 16 de xuño. Neste caso, a proba está prevista para o 18 de xuño ás 16.00 horas.
As solicitudes poden formalizarse na Secretaría do conservatorio, situada na Ronda de María Emilia Casas Baamonde, no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica municipal, dentro do procedemento habilitado para probas de acceso e matrícula. No caso do pase de grao e doutros cursos, será necesario achegar a documentación correspondente e, cando proceda, o xustificante do pagamento das taxas.
O período de renovación de matrícula estará aberto entre o 6 e o 16 de xuño de 2026. Pola súa banda, o alumnado de novo ingreso que supere as probas de acceso poderá formalizar a súa matrícula ata o 30 de xuño.
O Concello lembra que o horario de atención presencial da Secretaría é de 10.00 a 13.00 horas. Tamén están dispoñibles o correo electrónico conservatorio@concellodemonforte.com e o teléfono 982 403 893 para a solicitude de información adicional.