Aberto o prazo de inscrición para a Andaina da Festa da Bica de Trives

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na Andaina da Festa da Bica de Trives, unha das actividades máis tradicionais e concorridas da programación festiva, que volverá combinar deporte, natureza e convivencia.
A organización anima á veciñanza e ás persoas visitantes a sumarse a esta cita, que ofrece a oportunidade de percorrer a contorna do municipio e compartir unha xornada ao aire libre mantendo viva unha das tradicións vinculadas á Festa da Bica. A inscrición inclúe unha camiseta conmemorativa, avituallamentos ao longo da ruta e pinchos ao finalizar a andaina.
Desde a organización destacan que esta actividade busca reforzar o carácter participativo da festa e contribuír á conservación dunha tradición que forma parte da historia e da identidade da Festa da Bica, ao tempo que convidan ás persoas interesadas a formalizar a súa inscrición antes de que se esgoten as prazas.