Aberto ata o 10 de xuño o prazo para inscribirse no campamento de verán “Coñece o teu Concello” en Sober

RibeiraSacraXa
O campamento desenvolverase entre o 29 de xuño e o 7 de agosto, organizado en seis quendas semanais consecutivas
nenos_campamento_conciliacion_xogar
5 Jun 2026

O Concello de Sober mantén aberto ata o vindeiro 10 de xuño o prazo de inscrición no campamento de verán “Coñece o teu Concello”, unha proposta dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos que ten como finalidade ofrecer unha alternativa de lecer educativo durante as vacacións escolares.

Esta iniciativa municipal nace co obxectivo de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o período estival, ao tempo que promove hábitos de vida saudables, favorece a convivencia e a socialización entre os máis pequenos e contribúe a que coñezan mellor o patrimonio natural, cultural e turístico do municipio de Sober.

O campamento desenvolverase entre o 29 de xuño e o 7 de agosto, organizado en seis quendas semanais consecutivas que abranguen do 29 de xuño ao 3 de xullo, do 6 ao 10 de xullo, do 13 ao 17 de xullo, do 20 ao 24 de xullo, do 27 ao 31 de xullo e do 3 ao 7 de agosto, quedando suspendida a actividade nos días festivos.

As actividades terán como espazos principais o pavillón do CEIP Virxe do Carme, o Centro Sociocultural de Sober e as piscinas municipais, aínda que o programa tamén contempla saídas e accións ao aire libre en diferentes puntos do termo municipal. O Concello reserva a posibilidade de modificar estas localizacións por razóns organizativas, meteorolóxicas ou de seguridade.

O horario establecido será de 10:00 a 14:00 horas, ao que se suma un servizo de madrugadores entre as 9:00 e as 10:00 horas para aquelas familias que o precisen, co obxectivo de facilitar a organización dos horarios laborais.

En canto á programación, o campamento inclúe unha ampla variedade de actividades adaptadas ás distintas idades, como xogos cooperativos e deportivos, obradoiros creativos e educativos, propostas de educación ambiental, rutas e visitas para descubrir o municipio, actividades acuáticas e dinámicas centradas na convivencia e na educación en valores.

A oferta total é de 50 prazas por semana, co que o Concello busca dar resposta á demanda de actividades de verán para a infancia no municipio.

0.12451696395874