Aberta a inscrición para un curso de introdución á lingua e á cultura galegas en Chantada

O Concello de Chantada, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, abriu o prazo de inscrición para un curso de introdución á lingua e á cultura galegas destinado a persoas maiores de 16 anos, ou que os fagan durante o ano 2026.
A actividade desenvolverase na casa da cultura de Chantada os martes e xoves, en horario de 16.00 horas a 18.00 horas, desde o 15 de setembro ata o 15 de outubro, cunha duración total de 20 horas repartidas en cinco sesións. Non se require ningún coñecemento previo de galego, xa que as clases estarán adaptadas aos diferentes niveis do alumnado.
O curso está pensado para quen desexe adquirir ou mellorar as súas competencias en lingua galega e ampliar os seus coñecementos sobre a cultura de acollida. Ao longo das sesións traballaranse, entre outros, os seguintes contidos: a fonética, o alfabeto e as regras básicas de pronunciación; vocabulario esencial de uso cotián (saúdos, presentacións, números, días da semana); construción de frases sinxelas para situacións habituais; comprensión oral e escrita de mensaxes básicas; práctica de diálogos sinxelos; e aspectos culturais que axuden a contextualizar o idioma, como festas, tradicións, gastronomía, música e historia de Galicia.
Cada persoa participante recibirá un diploma acreditativo expedido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Esta iniciativa enmárcase na colaboración do Concello de Chantada coa Rede de Dinamización Lingüística e persegue un dobre obxectivo: fomentar a integración e a inclusión sociocultural das persoas participantes, dado que aprender o idioma do territorio de acollida resulta clave para unha integración con éxito, e aproveitar o potencial que supón a chegada de persoas de fóra de Galicia para incrementar o número de falantes da lingua galega.
As prazas, un máximo de 20, cubriranse por orde de inscrición. As persoas interesadas poden apuntarse na casa da cultura de Chantada ou a través do teléfono 982 441 752.