Aarón Álvarez liderará a candidatura do PP da Pobra de Trives cara as próximas municipais

Aarón Álvarez será o candidato do Partido Popular á Alcaldía da Pobra de Trives nas próximas eleccións municipais, despois de formalizar a súa incorporación ao proxecto popular nun encontro co presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, no que tamén participaron concelleiros cos que conta actualmente a formación na corporación municipal.
Menor deu a benvida a Álvarez e destacou a súa preparación, experiencia na xestión municipal e coñecemento do municipio. O presidente provincial definiuno como unha persoa “nova, preparada, con experiencia na xestión municipal e, sobre todo, cun profundo coñecemento de Trives e ganas de traballar polos seus veciños”.
O responsable provincial do PP salientou tamén que Álvarez coñece desde dentro o funcionamento do Concello e que comparte coa formación unha maneira de entender a política baseada “na proximidade, na escoita e na procura de solucións”. Neste sentido, avanzou a intención de conformar arredor do candidato “un equipo forte e unido”, co obxectivo de presentar á veciñanza un proxecto “serio, responsable e con ambición de futuro”.
Aarón Álvarez é graduado en Dereito pola Universidade de Vigo, con mención en Dereito Xudicial, e conta con experiencia profesional no ámbito da xestión pública e da atención á cidadanía, ademais doutros sectores relacionados co contacto directo coas persoas.
Entre maio de 2023 e marzo de 2025 exerceu como tenente de alcaldesa do Concello da Pobra de Trives, cunha dedicación exclusiva. Durante ese período participou na xestión municipal, na representación do Concello en diferentes actos e na relación con outras institucións.
Tras xurdir diferenzas coa xestión municipal, renunciou á dedicación exclusiva e posteriormente abandonou a corporación municipal. Segundo explica agora a formación, aquela decisión foi adoptada desde a responsabilidade e a coherencia co compromiso adquirido coa cidadanía.
Agora, Álvarez decide regresar á primeira liña política coa intención de poñer a súa experiencia ao servizo da Pobra de Trives. O novo candidato asegura afrontar esta etapa “con moita ilusión”, pero tamén consciente da responsabilidade que implica.
“Quero escoitar aos veciños, estar preto deles, coñecer os seus problemas e traballar para atopar solucións que melloren o seu día a día”, sinala.
O candidato popular considera que o municipio necesita un proxecto que sexa capaz de sumar persoas e aproveitar as oportunidades de desenvolvemento existentes. “Quero contribuír a construír ese proxecto desde a proximidade, a empatía e o diálogo. Temos por diante moito traballo e afronto este reto con ganas de sumar e de traballar polo futuro da Pobra de Trives”, conclúe.