A XXIV Rota do Románico de Pantón reuniu a 200 participantes nunha das citas deportivas máis consolidadas do municipio

RibeiraSacraXa
A principal novidade deste ano foi a celebración da primeira andaina popular, que resultou todo un éxito
podio-rota-do-romanico-panton
2 Jun 2026

A XXIV edición da Rota do Románico do Concello de Pantón congregou este sábado arredor de 200 participantes nunha das citas deportivas máis consolidadas do municipio. A proba, que combina deporte e patrimonio, volveu reunir corredores e afeccionados de distintas idades nunha xornada marcada pola elevada participación e pola incorporación dunha nova actividade ao programa.

A principal novidade deste ano foi a celebración da primeira andaina popular, unha iniciativa que permitiu aos participantes percorrer a ruta do Xanarteiro. O itinerario partiu do Mosteiro de Santa María de Ferreira e discorreu por camiños entre viñedos ata chegar á fonte de Augas Santas, ofrecendo unha alternativa á competición deportiva tradicional.

A carreira absoluta concentrou máis dun cento de participantes, mentres que as probas infantís volveron contar cunha destacada presenza de nenos e nenas, contribuíndo a crear un ambiente festivo durante toda a xornada.

A concelleira de Deportes, Cristina Domínguez, destacou a boa acollida da nova proposta e fixo unha valoración positiva do desenvolvemento da cita. “Este ano tiñamos a novidade da andaina popular que á xente lle encantou. Estamos moi satisfeitos con como se desenvolveu a xornada porque a cita xa ten unha traxectoria importante que conta con xente veterana que nos acompaña todos os anos e a participación das categorías infantís crea tamén moito ambiente e animación na vila”, sinalou.

No apartado competitivo, o podio feminino da carreira absoluta estivo encabezado por Marta Marqués Prado, seguida de Ángeles Rodríguez Taboada e Nahir González Rodríguez.

Na categoría masculina, a vitoria foi para Sindo González Castro. O segundo posto correspondeu a Tomás Díaz Fernández, mentres que José Luis Louzao completou o podio.

Con máis de dúas décadas de historia, a Rota do Románico continúa consolidándose como unha das actividades deportivas de referencia en Pantón, combinando a promoción da actividade física coa posta en valor da paisaxe e do patrimonio do municipio.

0.11769700050354