A XXIII Feira do Pinto trasládase este ano á área recreativa de O Pinto-Laioso

A XXIII Feira Agroambiental do Pinto estreará este ano localización. O evento, organizado polo Concello de Esgos, celebrarase o sábado 8 de agosto na área recreativa de O Pinto-Laioso, un cambio de emprazamento co que se busca ofrecer un espazo axeitado para o desenvolvemento da xornada.
A feira manterá a súa esencia como punto de encontro arredor da tradición, a convivencia e o medio rural, reunindo a veciñanza e visitantes nunha das citas máis consolidadas do calendario estival do municipio.
Un dos momentos máis agardados volverá ser a degustación de callos, que terá un prezo de 5 euros, incluíndo pan, tarteira e callos. As persoas que desexen repetir poderán facelo por 3 euros.
A celebración conta coa colaboración da Deputación de Ourense e forma parte da programación de verán impulsada polo Concello de Esgos.